DeportesGalerías de fotosKárateÚltima horaVídeos

A elite do karate galego, dende benxamín ata xuvenil, compite hoxe no Barco de Valdeorras

O pavillón de Calabagueiros acolle a xornada 3 da Liga Galega de Karate con máis de 450 cativos competindo

 

Dende as dez da mañá e ata pasadas as oito e media deste sábado 15 de abril, a elite do karate galego dende benxamín ata xuvenil compite no Barco de Valdeorras, na Xornada 3 da Liga Galega de Karate, organizada pola Federación Galega de Karate coa colaboración do Concello do Barco.

Trece anos pasaron dende que o Barco acollía un campionato galego do nivel do que se está a desenvolver no pavillón municipal de Calabagueiros, coa participación de máis de 450 karatekas de todos os clubs galegos. Só de Valdeorras compiten máis de 70 (44 do River Stone O Barco, 25 do Shotocan A Rúa Shark e algún do José Puente tamén do Barco).

 

Brian Rodríguez (River Stone), na final de kata xuvenil masculino avanzadona.

 

A xornada divídese en horario de mañá para as categorías xuvenil e cadete, e tarde para as categorías benxamín, alevín e infantil, tanto nas modalidades de kata como kumite, nos niveis de iniciación e avanzado.

Na tanda de mañá e ata a redacción deste artigo, Valdeorras xa lograra varias medallas: Brian Rodríguez (River Stone), ouro en kata xuvenil masculino avanzado; Iago Dobao (Shotocan), bronce en kata xuvenil masculino iniciación; Aina Moral e Cloe Yáñez (River Stone), bronces en kata xuvenil feminino avanzado; Carla Peña (River Stone), prata en kata xuvenil feminina iniciación; Hugo Álvarez e Enzo Prieto (River Stone), prata e bronce respectivamente en kata cadete masculino avanzado; e Dylan González (Shotocan), bronce en kata cadete masculino iniciación.

 

 

Na entrega de premios destas categorías estaban Alfredo García, alcalde do Barco; Aurentino Alonso, concelleiro de Deportes e tenente de alcalde do Concello do Barco; e Álvaro Fernández, alcalde da Rúa e deputado provincial.

Fotos (excepto as catro últimas da galería que son cedidas) e vídeo: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button