A empresa alemana SPEDION, coa sede de España e Portugal no Barco de Valdeorras aposta pola dixitalización no sector do transporte por estrada para fortalecer a dixitalización. Así o explicaba a responsable de Desenvolvemento de Negocio e Relacións Institucionais, Alexandra Schilk, nun foro celebrado en Santiago de Compostela.
Schlik destacou que “a dixitalización deixou de ser unha vantaxe para converterse nunha necesidade. A crise sanitaria mundial actual mostrounos a necesidade de ter os procesos dixitalizados e o uso de novas tecnoloxías para poder seguir sendo operativo en momentos onde se impón o distanciamento físico”.
“Un dos principais obxectivos de SPEDION, manifestou, “é conseguir que calquera empresa de transporte, sexan cales sexan as súas características, poida resultar competitiva no mercado actual” e, para iso ten claro que “a dixitalización converteuse nun dos alicerces da nova economía do século XXI, para a que a tecnoloxía representa un papel chave. De feito, gran parte do éxito destas empresas dependerá de como poidan repensar os seus procesos sacándolle o maior partido posible á tecnoloxía, o que conlevará unha mellor atención ao cliente dunha maneira máis simple, eficaz, rápida e directa, cuns custos moi alcanzables”.
“A transformación dixital permite organizar todos os procesos e accións de traballo dunha empresa, optimizalos, aforrar tempo e resultados e, por tanto, ter o control en todo momento para poder mellorar e rendibilizar cada servizo”, engadiu.