Cinco días despois do seu inicio e superando os 60 participantes, no mediodía deste venres 4 de setembro clausurábase a IV edición do Campus de Fútbol Sala do Pizarras Tres Cuñados, no pavillón municipal de Calabagueiros.
Unha exitosa edición na que por primeira vez contaban cun terceiro pavillón. “Contabamos co de Calabagueiros e co do CEIP Julio Gurriarán pero dado o elevado número de nenos que temos non nos chegaba e este ano conseguimos tamén o do Condesa de Fenosa así que estamos moi contentos”, explicaba un dos monitores, antes da clasusura.
Foi unha semana de moita actividade, deportiva pero tamén lúdica, con adestramentos, partidos, visitas e moito xogo, que baixaba o pano coa entrega de medallas (de lousa) e diplomas nun acto que coma sempre contaba coa presenza do alcalde do Barco, Aurentino Alonso, do presidente do Tres Cuñados, Santiago Vázquez e nesta ocasión de dúas referentes do fútbol sala feminino, Vera Rodríguez e Vane Barberá, xogadora e adestradora do filial do Ourense Ontime.

Eles eran os encargados de dar as medallas por categorías (prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete) adicando unhas palabras de agradecemento e felicitación, tanto aos cativos polo seu traballo e bo facer, como aos pais, tamén presentes no acto, por levalos e estar hoxe con eles na clausura.



Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.