CulturaCulturaÚltima hora

“A espada de Mouruás”, documental de Lucía Álvarez, proxéctase no IES Xermán Ancochea de Trives

 

O alumnado do IES Xermán Ancochea de Trives (dende os 12 anos ata os ciclos formativos) asistía neste 3 de novembro á proxección do documental “A espada de Mouruás”, dirixido por Lucía Álvarez, tamén natural da comarca trivesa, e que acompañaba aos estudantes nesta xornada.

Este filme, que se estreaba na pasada edición do OUFF (Festival de Cine de Ourense) afonda nas raíces históricas desta zona. A súa directora defíneo como un “documental histórico ficcionado”, no que se convida ao espectador a entrar, co recurso da fábula, na singular historia do achado da espada da Idade do Bronce que estaba agochada nunha pena en Mouruás. E nesa historia entraba de cheo o alumnado do instituto trivés neste venres.

“A espada de Mouruás” é un relato sonoro e visual, coa voz en off da propia Lucía Álvarez, que conta cun guión de José Ramón Fernández e co son de Lucas Troitiña, así como coa dirección de fotografía de Juan Messeguer e cunha banda sonora orixinal de Gutier Álvarez, natural de Manzaneda. Outra parte fundamental deste filme son os testemuños de expertos, pero tamén de dúas veciñas de Mouruás, unha das cales, Nemesia Blanco, recuperaba a espada.

Este proxecto, que supuxo case 3 anos de traballo (cunha rodaxe de agosto de 2021 a maio de 2023 e unha posprodución de maio a setembro deste ano), está producido por Mezzoforte 111 e Por lo visto co patrocinio da Deputación de Ourense e co apoio do Concello da Pobra de Trives.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button