DeportesÚltima hora

A Estación de Montaña Manzaneda abre 8 pistas e 6 quilómetros esquiables

 

A Estación de Montaña Manzaneda prepárase para a súa segunda fin de semana de esquí nesta tempada. Ao longo da semana, as instalacións recibiron esquiadores e visitantes. “Aínda que as condicións de temperatura impediron o funcionamento continuo dos canóns, que non puideron poñerse en marcha durante dous días, hoxe dispuxemos de 8 pistas abertas, o que se traduce en case 6 quilómetros esquiables cun espesor de neve que oscila entre os 5 e os 15 centímetros”, explican dende a estación.

Coas previsións meteorolóxicas na man, e se se manteñen, a intención dos responsables da Estación é que a totalidade dos canóns poidan volver funcionar durante esta madrugada, polo que se agarda unha fin de semana de suficiente neve como para abrir un número importante de pistas e de quilómetros esquiables, en calquera caso, maior que o da fin de semana pasada, cando se anunciaron dúas pistas e finalmente foi posible abrir catro.

 

 

Este ano produciuse un adianto de practicamente un mes na apertura da Estación de Montaña para a práctica do esquí, algo que o ano pasado non puido realizarse ata finais o mes de xaneiro. A partir do aquel momento, a Estación encadeou seis fins de semana consecutivas cunhas excelentes condicións para a práctica dos deportes de neve. “Tanto entón como agora, o papel dos canóns foi determinante, pois coa súa achega de neve artificial permitiron estirar a tempada pasada e anticipar a actual”.

Como xa ocorreu o domingo pasado, durante a fin de semana habilitarase o xa habitual transporte lanzadeira, desde as 10 a 18 horas e que realizará de forma continua o percorrido entre os bungalós, os despachos de billetes e a cafetería, facilitando así os desprazamentos no interior da estación e impedindo os atascos, pois se espera que este sexa a primeira #fin# de semana forte da tempada.

Artigos relacionados

Back to top button