Coas primeiras neves da tempada, os canóns puideron traballar durante parte da semana, especialmente desde o mércores, unha vez que se deron as condicións de temperatura precisas (empezan a funcionar por baixo dos -2,5 graos). Así como todas as fins de semana do ano, a Estación de Montaña Manzaneda estará aberta e con todos os seus servizos ao dispor de visitantes e residentes, co aliciente de que se poderá practicar xa algo de esquí e, sobre todo, gozar da neve, en familia ou entre amizades.
“De momento, non hai suficiente como para abrir máis que unha pista, Xeixo, a única que se pode garantir agora mesmo, pero si a precisa para poder gozar da primeira neve da tempada e admirar os sempre espectaculares paisaxes que ofrece a estación de montaña cando se cobre de branco”, aseguran dende Manzaneda.
Se o ano pasado a apertura das primeiras pistas adiantouse case un mes con relación aos anteriores (a partir do 6 de xaneiro), nesta ocasión nin sequera haberá que esperar ao novo ano, cun adianto de practicamente outro mes, aínda que cunha apertura para a práctica do esquí limitada a unha soa pista. En calquera caso, “o parte definitivo de neve non se coñecerá ata primeira hora do sábado, despois dunha nova noite de traballo cos canóns, polo que non será ata entón cando se coñeza o alcance real da apertura para a práctica do esquí”.
A estación de montaña sempre é un bo plan familiar de fin de semana, especialmente no inverno cando se tingue de branco. E en Manzaneda xa teñen todo a punto para quen decida achegarse a gozar da neve, con todos os servizos de restauración (cafetería, autoservizo, Tasquiña e restaurante) operativos, así como a piscina e o seu circuíto de auga ou o rocódromo indoor. “Tamén o telecadeira, tanto para acceder a Xeixo como para uso turístico, e os telesquís. Ademais funcionará interrumpidamente o servizo de transporte continuado entre a zona de estacionamento de vehículos particulares, os despachos de billetes e a cafetería, desde as 10 ata as 18 horas”, adiantan.