A Estación de Montaña Manzaneda será esta fin de semana o escenario no que se celebre o Campionato Galego de Pickleball. Trátase da primeira edición que se realiza en Galicia e será clasificatoria para o Campionato de España que se desenvolverá en Madrid do 28 ao 30 de setembro. Este deporte, que mestura tenis, pádel e bádminton e arrasa en Estados Unidos ábrese paso na comunidade galega coa Estación de Montaña como epicentro.
O Campionato Galego de Pickleball celebrarase o sábado 7 de setembro a partir das 10 horas. A participación ata o momento é elevada e xa se inscribiron 25 parellas e 10 xogadores individuais. Para o seu desenvolvemento acondicionáronse 4 pistas regulamentarias e 3 ao aire libre para os adestramentos.
Ademais, e coincidindo con este evento deportivo, levarase a cabo unha xornada de portas abertas, de 11:30 a 13:30 horas, para dar a coñecer as instalacións da Estación de Montaña para a práctica dos deportes de raqueta. As canchas de tenis foron reformadas recentemente e xa acolleron este verán adestramentos de alto nivel, unha escola e torneos.