Trala súa estrea no Festival Internacional de Cine de Granada en novembro de 2023 no que levaba o Lorca á mellor curtametraxe nacional e cos premios á mellor curtametraxe nacional e á mellor fotografía no Internacional Toledo Action Film Festival logrados en maio deste mesmo ano, Dragón Blanco, produción nacional con artes marciais en formato de curtametraxe, rodada en Madrid e en diferentes localidades da comarca de Valdeorras, estreábase por fin en Valdeorras.
Facíao na tarde deste venres 23 de agosto, no Teatro Lauro Olmo como inauguración da Semana de Cine do Barco organizada polo Club Groucho Marx en colaboración co Concello. Trala proxección do filme, un proxecto que segundo Iván E. Fernández Fojón, crítico de Cine da revista Acción, inclúe “acción, humor, un bo guión cheo de personaxes moi interesantes e todo ben desenvolto nos seus vinte minutos de duración. Moito máis que unha curta de artes marciais xa que toca outros xéneros como o cinema negro”, os seus directores, David Santamaría e Rodrigo Marini, xunto a un dos actores e presidente do Cine Club Groucho Marx, o barquense José María Rodríguez, subían ao escenario.
Dende alí daban as grazas a todos os que fixeron posible a gravación do filme e explicaban que Dragón Blanco é unha historia dos baixos fondos, dun especulador inmobiliario, narcotraficandte, que a través do pasado dun membro do seu entorno vei perigar o seu negocio e as súas vidas. “Desenvólvese en Madrid pero os fuxitivos que quedan vivos deixan a cidade rumbo ao interior e pareceume a historia perfecta para amosar Valdeorras, a miña terra, algo que tiña pendente e conseguín facer”, aseguraba un emocionado Rodrigo, realizador e director de cine arxentino cunha forte vinculación con Valdeorras, especialmente co Barco onde residen os seus pais e vila que visita regularmente malia vivir e traballar en Madrid.
Esta edición da Semana que arrinca hoxe e que se estenderá ata o 31 de agosto renderá homenaxe ao historiador Antonio Castro Voces, natural de Quereño (Rubiá), que falecía o pasado xaneiro. Unha homenaxe que xa plasmaron os autores do mesmo (Chere e Susana Ferradás) no cartel e que se materializará tamén o 30 de agosto coa concesión da “Butaca de honra” a título póstumo a este investigador valdeorrés.
Con respecto á programación contará con dous apartados: o cinema de actualidade (con oito títulos) e cinema infantil (con catro).
Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.