A Policía Local do Concello de Ourense informa do dispositivo de tráfico motivado polo paso pola cidade da volta ciclista a España, cuxa etapa número 12 sairá da cidade o xoves 29 de agosto, con destino á Estación de Montaña Manzaneda. A proba deportiva requirirá realizar cortes e restricións de tráfico para garantir a realización do evento deportivo dentro das marxes de seguridade.
A etapa sairá da avenida Pardo de Cela e avanzará pola praza Concepción Arenal, rúa Concello, parque de San Lázaro, rúa Curros Enríquez e avenida Otero Pedrayo. Por este motivo, o corte de tráfico comezará ás 13:30 horas ata a finalización, que se prevé para as 14:20h.
Porén, as restricións comezarán xa mañá, mércores 28 de agosto, con motivo dos traballos de montaxe da saída da carreira. Así, desde as 18h. de mañá ata o xoves ás 10 horas, restrinxirase o tráfico rodado nas rúas Pardo de Cela, Dalí, Xesús Soria e no tramo inferior da rúa Remedios (desde a rúa Greco), permitíndose o acceso de residentes aos seus garaxes. Desde as 10h. do xoves pecharanse ao tráfico na súa totalidade, de xeito que non poderán acceder os residentes aos garaxes, até que remate o evento.
Os vehículos que queiran acceder á rúa Avilés de Taramancos e os que accedan a garaxes desa vía, desde mañá mércores, ás 18h. e ata o xoves 29, ás 17:15h. farano pola rúa Ponte Pedriña.
Restricións de tráfico do xoves, 29 de agosto
O xoves 29 desde as 10h. pecharanse ao tráfico a rúa Saenz Díez, no treito comprendido entre Samuel Eiján e a praza Concepción Arenal, o tramo inferior da Habana e a rúa Concello. O tráfico nestas vías restablecerase tras o paso dos ciclistas. Na Avenida de Otero Pedrayo, desde as 13:40h. cortarase o tráfico en sentido ascendente, quedando aberto ao tráfico rodado durante o transcurso da carreira as vías de servizo e en sentido descendente.
Con motivo do paso da Caravana Ciclista, cortarase o tráfico na Ponte Nova en sentido centro cidade e, xa desde a mañá do xoves 29 librarase de vehículos a rúa Concello e a rúa Francisco Llorens. Tras a finalización da carreira (ás 14:20h.), só quedará cortada ao tráfico a avenida Pardo de Cela ata as 17:30h. para a desmontaxe do posto de saída, restablecéndose o tráfico rodado cando finalicen os traballos.
Aparcadoiro de equipos
Os vehículos dos equipos situaranse na Ponte do Milenio, que quedará pechada ao tráfico o xoves desde as 10 horas ata que remate a proba.
Itinerarios alternativos
Os vehículos que queiran acceder ao centro da cidade tanto o mércores 28 como o xoves 29 de agosto poderán continuar pola avenida Ribeira Sacra (N-120) e a rúa Otero Pedrayo ou ben continuar pola Ponte Novísima e acceder pola rúa Basilio Álvarez e a Ponte Nova. O xoves 29 de agosto manterase este itinerario, salvo na franxa horaria de 13:30 a 14:20h. que se verá afectada pola saída da volta.