DeportesÚltima hora

A etapa 12ª de “La Vuelta 24”, rematará na Estación de Montaña manzaneda tras percorrer unha ducia de municipios da Ribeira Sacra

O pelotón sairá da cidade de Ourense o 29 de agosto

 

Na mañá deste martes 28 de maio presentábase no miradoiro Pé do Home, en Nogueira de Ramuín, a 12ª etapa de La Volta 24 que, co patrocinio da Deputación de Ourense, disputarase integramente en territorio da provincia. O presidente provincial, Luis Menor, e o director da Volta Ciclista a España, Javier Guillén, acompañados polos alcaldes dos municipios ourensáns polos que transcorre a proba, presentaron os detalles deste evento deportivo.

A 12ª etapa da Volta, que se disputará en Ourense o 29 de agosto, transcorrerá por unha ducia de municipios da zona da Ribeira Sacra. O pelotón sairá da cidade para disputar o 133 km de percorrido, pasando polos municipios do Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas, Paderne de Allariz, Maceda, Esgos, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A Teixeira, Castro Caldelas, San Xoán de Río, Trives e con final na Estación de Montaña Manzaneda.

Luis Menor lembrou que a Ribeira Sacra, candidata a Patrimonio Mundial da UNESCO, demostrou ser “un lugar perfecto para o ciclismo con tramos esixentes de gran dureza, que discorren por unha contorna inigualable para o deleite dos ciclistas e tamén dos millóns de afeccionados que seguen este espectáculo do ciclismo por todo o mundo”.

A 79ª edición da Volta a España “volverá ser un novo éxito de promoción internacional da provincia e contribuirá a seguir incrementando o número de visitantes a Ourense, grazas ao gran impacto mediático, promocional e publicitario que supón acoller unha das 21 etapas da Volta deste ano”, destacou o presidente provincial. Neste sentido, Luis Menor lembrou que La Vuelta “é, sen dúbida, un dos eventos deportivos de maior proxección no mundo, e que unha vez máis, grazas ao compromiso da Deputación, volve ter a Ourense como protagonista dunha das súas etapas”.

 

 

Javier Guillén explicou que “o ciclismo en ruta defínese por dúas cuestións: a épica e a estética e, en base a esas dúas definicións fixemos unha etapa redonda: deportivamente moi emocionante e esteticamente apaixonante. Asegurou que os veciños e veciñas da provincia “van sentir orgullosos do que teñen e do lugar no que viven”.

Destacou que a caravana publicitaria realizará na etapa ourensá dúas paradas técnicas: unha en Nogueira de Ramuín e outra en Castro Caldelas. Mentres que, o parque volta instalarase en Trives desde as 16:30 ás 20 horas e o acceso é libre. Ao fío disto, o director da Volta explicou que se trata dunha carreira que move a máis de 3.000 persoas que estarán máis dunha noite na provincia de Ourense. “Chegaremos a 190 países cunha particularidade nesta etapa, e é que as 3 horas e media de retransmisión faranse sobre a provincia de Ourense, promocionando recursos como “Ourense Termal”, a Ribeira Sacra e a estación de montaña de Manzaneda.

Por iso, Javier Guillén dixo que esta promoción do territorio “ten un valor incalculable” sinalando que ademais se realiza “a través dun deporte tan seguido e multitudinario como é o ciclismo que nos fai ser un vehículo de primeiro nivel, superando xa os 400 millóns de espectadores cada ano”.

 

Artigos relacionados

Back to top button