En portadaÚltima horaVídeos

A evolución da loita contra o po de sílice na lousa e os novos avances, analizados nunha xornada en Sobradelo

Esta xornada técnica sobre seguridade e saúde no sector estaba promovida polo Clúster da Pizarra de Galicia

 

O po de sílice no sector da lousa vén de ser analizado ao longo desta mañá en Sobradelo (Carballeda de Valdeorras) por diferentes expertos, tanto na parte de prevención e hixiene industrial, como técnica de solucións contra el, así como dende un punto de vista sanitario e dende o eido da búsqueda de solucións dende un puntod e vista médico. Así o Centro Tecnolóxico da Pizarra acollía unha xornada técnica sobre seguridade e saúde neste sector, que se abría a partir das 11h. coas intervencións do presidente do Clúster da Pizarra de Galicia, Eliseo López, e do director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández.

“Esta é unha xornada forma parte do Plan de Promoción do Clúster e reúne a diversos expertos na loita contra o po de sílice e para debater e expoñer todos os avances que se teñen realizado no sector da lousa nos últimos anos para mellorar a seguridade e saúde dos traballadores”, explicaba Eliseo López.

Ademais expoñía que “a evolución do sector da lousa na loita contra o po de sílice entendemos que ten sido moi positiva nos últimos anos. De feito, realizáronse importantes investimentos e avances técnicos e buscáronse solucións en todo momento contra o po de sílice. Solucións que pasan por mellorar todos os sistemas de extracción, tanto xeral como localizada, e tamén os sistemas de limpeza e xestión contra o po. Hoxe en día, ademais, o sistema de protección dos traballadores é moi alto, temos máscaras FFP3, temos sistemas de control da estanqueidade delas, é dicir, que ao final temos unha máxima protección e iso refléxase tamén na estatística de casos que van diminuíndo ano a ano”.

 

O presidente do Clúster da Pizarra de Galicia, Eliseo López./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

 

Pola súa banda, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández, poñía en valor o peso do sector da lousa e comentaba que “na Xunta de Galicia vimos dunha semana importante no eido mineiro, na que recuperamos a figura do Consello Galego da Minería. Nós sempre dicimos que a colaboración público-privada é moi importante e iso supón que debemos vir da man, tanto das administracións como do sector privado, iso non debe ser unha simple expresión, senón que temos que conseguir avanzar no desenvolvemento do sector. Esta claro que a Xunta de Galicia é a responsable de fixar o desenvolvemento da política mineira, pero dende logo tamén debe escoitar, incentivar, regularizar e coordinar todo o que ten que ver coa minería”.

 

 

Tamén explicaba que o Consello Galego da Minería “vén a substituír ao antigo Comité Executivo de desenvolvemento mineiro polo feito de que nel non estaban representados todos os sectores, e así a lousa non tiña un representante e consideramos que iso non podía ser. A lousa que representa unha porcentaxe moi importante das exportacións de Galicia e, fundamentalmente da provincia de Ourense, ten un peso moi relevante no relativo á minería en Galicia, é o máximo expoñente e, polo tanto, considerabamos que era fundamental que tivera un representante neste consello”.

Por outra banda, o director xeral de Planificación Enerxética avanzaba que no citado pleno do consello acordábase constituír varios grupos de traballo e, precisamente, “unha das principais reivindicacións, era realizar unha interpretación da instrución técnica complementaria relativa á protección dos traballadores contra o risco por inhalación de po de sílice cristalina. A administración escoita, toma nota e o que considera adecuado dá o visto bo e por iso mesmo tamén anunciamos que consituiríamos un grupo de traballo centrado na seguridade e saúde para abordar estas cuestións”.

 

 

E concluía apuntando que a Xunta tamén leva “tempo apostando pola seguridade e o risco cero, dentro da axenda da MInería Sostible, e por iso é moi importante pór en valor que levamos xa concedidas máis de 80 axudas por un importe total superior aos 4,2 millóns de euros, precisamente para combater o po de sílice”.

A partir de aí dábase paso aos diferentes relatorios da xornada, que contaba coa presenza de representantes do sector da lousa, así como de sindicatos e de autoridades como o delegado da Xunta en Ourense, o subdelegado do Goberno en Ourense, a directora territorial en Ourense da Consellería de Emprego, de representantes municipais da comarca e de mutuas e entidades de prevención.

 

 

O primeiro dos relatores era Marcos Fernández, técnico superior en prevención de riscos laborais, quen aboradaba a “ITC sobre exposición a po de sílice e actuacións dos servizos de prevención”, despois interviña Daniel León González, enxeñeiro de Minas e José Luis Folla Castiñeiras, enxeñeiro químico, que analizaban as melloras implementadas para a redución á exposición ao sílice na industria na lousa.

 

 

 

A partir do mediodía o doutor enxeñeiro de minas e experto en hixiene industrial, Javier Madera García, falaba sobre “SCR. Prevención e principio de terceiro exclusivo”, despois Alberto Pérez, catedrático de Física, centrábase no proxecto de modelización numérica en dúas fábricas do secto e, a continuación, Laura Sierra, licenciada en Medicina, afondaba na prevención de riscos laborais nas empresas do sector da lousa.

 

 

A partir das 13:30h. desenvolvíase un debate coa participación dos diferentes relatores e tamén dos asistentes á xornada. As conclusións deste encontro técnico recolleranse e poderán ser consultadas na web do Clúster da Pizarra de Galicia.

Fotos: Carlos G. Hervella e cedidas.

 

 

 

Back to top button