OurenseÚltima hora

A explosión dunha bombona de butano deixa numerosos estragos nunha vivenda en Vilardevós

 

Na tarde deste venres 7 de xuño explotaba unha bombona de butano deixando numerosos estragos nunha vivenda en Vilardevós. “Pese ao deterioro causado, os bombeiros indicaron que non parecía haber danos estruturais”, din  dende o 112 Galicia.

Era un particular quen daba a voz de alarma tras escoitar o estouro provocado pola bombona, minutos antes das 15 horas. “Durante a súa chamada, o alertador indicou que fora na casa do seu veciño, situada na parroquia de San Xoán de Enxames”, indican dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia que, con esta información, pasava o aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil de Ourense e Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Vilardevós. “Tamén se solicitou a intervención dos Bombeiros de Verín, logo de que o alertador indicase que comezara a arder a cociña trala explosión”.

Nunha nova comunicación cos membros da Garda Civil, “estes explicaron que a persoa que residía na vivenda atopábase no balcón da casa, polo que resultou ilesa, producíndose só danos materiais co estalido”, indican dende o 112, asegurando que os bombeiros desprazados ata o lugar confirmaron que se tratara dunha explosión dunha bombona de gas butano. “Indicaron que arderan algunhas cousas que había na cociña, como unha pota, e víronse afectadas varias partes da inmoble, entre elas as portas e as ventás”. Encargáronse de refrixerar e facer varias medicións de gas que resultaron negativas, pois cando chegaron o lume xa estaba apagado.

“O dono da vivenda sufriu unha pequena ferida ao intentar apagar o conato de incendio que se orixinara trala explosión”, conclúen dende o 112 Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button