CulturaCulturaÚltima hora

A exposición “Esencial” do pintor barquense Jesús Díaz Ferrer, no Centro Cultural da Deputación de Ourense

Esta mostra, inaugurada esta mañá e que estará aberta ata o 22 de xaneiro de 2023, supón unha posta en valor do artista barquense no marco do seu centenario

 

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acollía esta mañá a inauguración da exposición “Esencial”, unha mostra das obras do pintor barquense Jesús Díaz Ferrer que conmemora o centenario do seu nacemento e que se poderá visitar ata o 22 de xaneiro de 2023. O vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández, participou na presentación da mostra acompañado polo alcalde do Barco, Alfredo García; o comisario da mostra, o historiador da arte valdeorrés Luís Enrique Rodríguez; e o director do Marcos Valcárcel, Francisco González.

Rosendo Fernández destacou que “o centro cultural é un punto de encontro, unha porta aberta á pluralidade e unha canle de difusión cultural, un centro aberto sempre para a cultura”. En canto á figura de Díaz Ferrer, Rosendo definiuno como “un artista polifacético e prolífico, que colleu experiencias polos moitos sitios que coñeceu e que se codeou con xente consagrada coma Picasso ou Dalí”. O vicepresidente provincial rematou destacando que “a cor da súa obra encaixa perfectamente con estas festas de Nadal”.

Alfredo García agradeceu á Deputación por permitir usar esta casa para poder dar a coñecer a Díaz Ferrer en Ourense, e tamén a Luís Enrique por ser a alma máter do proxecto e un estudoso dun autor do que para falar da súa obra, hai que falar da súa vida”. O alcalde do Barco de Valdeorras trasladou que “o Concello non vai parar aquí, senón que se compromete a seguir dando a coñecer a Díaz Ferrer polo resto de Galicia”.

 

 

Pola súa banda, Francisco González explicou que “o Marcos Valcárcel pecha o ano expositivo cun artista ourensán, sendo sempre un pracer poñer en valor os artistas da nosa provincia”. Neste caso, “cun pintor de grande calidade”. O director do Centro Cultural quixo agradecer tamén ao comisario da exposición pola súa colaboración.

Luís Enrique Rodríguez Arias, o comisario da exposición, foi o encargado de expoñer a figura e a obra de Jesús Díaz Ferrer, a quen a Deputación de Ourense lle concedeu unha beca en 1940. Luís Enrique Rodríguez, explicou que “o cumprimento do centenario foi unha boa oportunidade para dar a coñecer a este pintor e implicar ás institucións, a través dunha pequena mostra de debuxos da súa colección persoal con estilos diferentes e que tiñan un grande significado para el”. Todo isto, finalizou, para saldar “unha débeda da súa vila, da súa provincia e da historia da arte galega con Jesús Díaz Ferrer”.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button