Unha persoa non morre mentres siga sendo lembrada, por iso a memoria de Luis Nogueira (o lanzador de xavelina natural de San Vicente de Leira, en Vilamartín de Valdeorras) segue máis viva que nunca.
Diso encárgase a exposición que a súa familia organizou na súa homenaxe un ano despois do seu falecemento e que despois de pasar polos concellos de Vilamartín, con 250 visitas e O Barco de Valdeorras, con 380 visitas, chega agora á Rúa, onde permanecerá ata o 14 de novembro.
Tal como explican dende a organización, nesta ocasión preséntase unha versión reducida, para poder adaptarse ao espazo expositivo, pero segue facendo un percorrido pola vida do atlteta que ademáis de deportista, era afeccionado á lectura, á escritura, á fotografía, amante da súa terra, da natureza, de conectar coa xente… Experiencias das que proceden as fotos e os escritos que se amosan na exposición ‘O seu destino era chegar a ser o que foi’ que pretenden “reflectir o seu modo de ser e vivir”, din dende a organización.
Tal como explicaban na inauguración que tiña lugar na tarde deste venres 14 de novembro, na Casa da Cultura da Rúa, o percorrido da mostra comeza unha vez máis coa biografía de Luis continuando coas fotografías de San Vicente (a súa aldea natal) e uns collages que resumen momentos da súa vida como os seus adestramentos en Barcelona ou o seu regreso a San Vicente onde adestraba no campo coas xavelinas que el mesmo fabricaba ou cando atravesou O Barco coa antorcha olímpica no ano 1982.
Subindo as escaleira están os textos de Luis con fotografías, seguidos pola zona deportiva reducida nesta ocasión á xavelina Sildoura 2 e varios carteis; despois están as fotografías de primeiros planos nas que segue destacando ‘A loba’; á dereita hai máis textos escritos por Luis recollendo a faceta de escritor deste polifacético personaxe; rematando o percorrido co resto de fotografías de natureza (montañas, auga e árbores).
O horario para poder visitar a exposición é os luns de 16 a 20horas; de martes a venres de 10:30 a 13 e de 16 a 20hora; e os sábados de 10 a 13:30, na Casa da Cultura da Rúa. A partir do 14 de novembro será trasladada a Petín para seguir, dese xeito, o seu percorrido pola comarca de Valdeorras.
Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.