CulturaCulturaÚltima hora

A exposición “Múltiple. A arte do gravado de Picasso a Barceló” chega a Verín

Inaugurarase o próximo 6 de outubro na Sala de Exposicións do Concello e poderá visitarse ata o 5 de novembro

Sinatura do convenio de colaboración no Concello de Verín./ Foto: Concello de Verín.

 

Un convenio de colaboración cultural entre o Concello de Verín, Abanca e Afundación, asinado esta mañá, traerá ata a vila do Támega a exposición “Múltiple. A arte do gravado de Picasso a Barceló”. Ao acto da firma asistiron o alcalde de Verín, Gerardo Seoane; a coordinadora institucional para Lugo e Ourense da Fundación Galicia Obra Social, Beatriz María Fernández Rodríguez; e o director da oficina de Abanca de Verín, Pablo Villar.

A exposición, de entrada libre e gratuíta, inaugurarase o próximo 6 de outubro na Sala de Exposicións do Concello de Verín, onde se poderá visitar ata o 5 de novembro, de luns a venres en horario de 17:00 a 21:00 horas.

Esta mostra, composta por obras gráficas seleccionadas entre os fondos da Colección de Arte Afundación, permtirá coñecer mellor a obra dalgúns da mestres da arte español do século XX, entre os cales sobresaen tres grandes xenios internacionais da pintura e que o foron tamén da arte da estampa: Salvador Dalí, Pablo Picasso e Joan Miró.

 

 

Despois da Guerra Civil, a primeira manifestación do espírito renovador da arte xorde vinculada ás estampas editadas nas edicións de la Rosa Beira. Entre os artistas ligados á renovación destacan Joaquín Sunyer, Albert Ràfols Casamada, Guinovart ou José Caballero. Na publicación Estampas de Cométaa aparecen os traballos dos grandes mestres Antonio Saura, Eduardo Chillida ou Hernández Pijuán. A esta actividade interior habería que sumar a de tres artistas que traballan no exilio: Antonio Rodríguez Luna, Antoni Cravei e Luís Seoane. Ademais, para valorar o panorama calcográfico do século XX, é imprescindible coñecer tamén o papel do grupo vangardista Dau ao Set, onde sobresae Tàpies.

Con esta exposición, o público poderá descubrir como as distintas técnicas de gravado, a litografía e a serigrafía reivindican o seu valor técnico e estético e diferéncianse así do resto das manifestacións artísticas.

Artigos relacionados

Back to top button