CulturaCulturaÚltima hora

A exposición”Insania” do valdeorrés Iván Prieto inaugurarase mañá na Fundación Granell

Poderá visitarse ata o vindeiro 9 de abril na sede desta entidade en Santiago de Compostela

 

Mañá 16 de febreiro, ás 19h., a Fundación Eugenio Granell, en Santiago, inaugurará a exposición “Insania” do escultor valdeorrés Iván Prieto. A mostra está comisariada por Lucía Carballeda Suárez e abrirá ao público no primeiro andar da fundación, ata o vindeiro 9 de abril. A exposición supón “unha revisión de diferentes liñas de investigación tendo como base do traballo a figura humana dende ópticas que o vencellan á formulación do surrealismo, onde atopamos miradas en relación á cultura freak, referentes cinematográficos e outros compoñentes que xeran un escenario ateigado de seres que conforman un universo andróxino e surreal”, segundo se destaca dende a Fundación Granell.

“Insania” reúne diversos grupos escultóricos onde destacan distintas instalacións, “conformando un percorrido que toma como punto de partida persoas da súa contorna e vivencias propias que reflicte en escenas simbólicas. A premisa surrealista da liberación do subconsciente faise patente en obras como Pájaros en la cabeza ou no cúmulo de pensamentos ao que se asiste en Craziness”, segundo Eduardo López Valiña, conservador xefe da Fundación Granell.

 

O artista barquense Iván Prieto. /Foto cedida.

 

As representacións femininas e masculinas andróxinas, engade, “manifestan as imperfeccións e rarezas do ser humano na sociedade actual, afastándose do cotiá para crear un universo propio. Nos seus personaxes, híbridos entre o humano e o animal, as emocións adoptan forma de disfrace cuxas máscaras, en palabras da comisaria, “funcionan como parapetos dos que se valen as súas figuras para soportar a realidade”.

Iván Prieto, nado no Barco, é licenciado en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid no 2002, completa a súa formación artística na Hogeschool voor de Kunsten en Holanda entre o 2002 e o 2003. Comeza a expor a principios dos 2000, cunha importante traxectoria na que desenvolve proxectos en diferentes países europeos e na China. Fixa a súa residencia en Galicia despois dunha etapa entre Berlín e España.

Artigos relacionados

Back to top button