AletismoDeportesEn portadaÚltima hora

A falta de xuíces de atletismo en Valdeorras pon en perigo a Delegación da federación galega no Barco

En abril está previsto un curso para formar a novos xuíces na comarca e tanto a delegación como o Club Adas animan a incribirse nel ás persoas interesadas no deporte

 

Dende o colectivo de xuíces da Delegación Valdeorresa de Atletismo faise un chamamento a todas aquelas persoas que poidan sentirse atraídas polo mundo do deporte para que se inscriban no vindeiro cursiño que se impartirá na zona a partir de abril. Un chamamento ao que se suma tamén o Club Adas Cupa.

Formar a novos xuíces é vital para poder asegurar o mantemento da Delegación Valdeorresa da Federación Galega de Atletismo no Barco, xa que a súa perda suporía que se volvería a depender de Ourense, como hai anos atrás. “Por diferentes circunstancias atopámonos este ano con que case non temos xuíces, algúns non renovaron, no caso dos máis novos, ou van a atletismo ou polo traballo agora non teñen tempo nas fins de semana para ir ás competicións; algún está enfermo… Entón temos que pedir moitos xuíces de fóra para as competicións e, ao coincidir con probas noutros sitios, é complicado poder traelos. Isto está supoñendo que xa tiveramos que suspender algunhas competicións”, explica a representante do Comité de Xuíces en Valdeorras, Montserrat Barrio.

De non conseguir un mínimo de entre 12 e 15 xuíces, podería perigar o futuro da Delegación Valdeorresa da FGA que con tanto esforzo se creara anos atrás. “Suporía un paso atrás, é dicir, volveríanos pertencer á Delegación de Ourense, o que suporía ir a competir alí, desprazarnos máis do que xa nos desprazamos, co esforzo e custo económico que isto supón. Ademais, un neno que queira ir a competir ou un atleta maior que queira facer unha marca xa debe ter dispoñibilidade para moverse a outro sitio. Seguramente quedaría algunha proba aquí, pero xa serían mínimas, porque ao final se os xuíces non se apuntan aquí, acabaríana facendo en Ourense”, sinala Montserrat Barrio. Isto tamén tería efectos socioeconómicos na comarca, posto que os campionatos mobilizan a moitas persoas que, ademais de coñecer e descubrir a zona a través do deporte, alóxanse nela e tamen acoden aos establecementos hostaleiros e de restauración.

A representante dos xuíces valdeorreses di que aínda hai posibilidade de evitar esa situación e anima á xente, tanto moza como adulta, vinculada co atletismo, ou á que lle guste o deporte, a dar o paso e facerse xuíz, tendo en conta que a formación non resulta difícil. “Necesitamos sacar novos xuíces para manter aquí a delegación, eles poden ir ás probas cando queiran, ninguén está obrigado a vir a unha proba, tamén é un diñeiro extra cada tres meses que poderían obter. Ademais neste colectivo hai un ambiente moi bo de convivencia, saes, coñeces sitios e a moita e aínda que non saias, só dos xuíces que veñen, fas moitas amizades. Eu teño moitísimos amigos do mundo dos xuíces en todas partes”.

Curso a partir de abril, no Barco

Xa está aberta a inscrición nun curso de xuíces, de carácter gratuíto, na Delegación Valdeorresa de Atletismo. As persoas interesadas poden inscribirse na mesma delegación (no campo de fútbol de Calabagueiros do Barco) ou a través dos teléfono e mail de contacto do cartel que figura baixo estas liñas. A idade mínima para anotarse é de 16 anos.

 

 

O curso inclúe clases e teóricas e prácticas (na pista de atletismo barquense). Unha vez que se forme o grupo de xente, cos inscritos acordaríanse os horarios, é dicir, adaptaríase a formación ás necesidades de cada un en función das súas circunstancias persoais, de traballo ou familiares.

“Non é difícil sacar o exame de xuíz, ao principio pode parecer algo complicado porque ves o regulamento, pero cando cho empezan a explicar e vas á pista, comprobas que non é nada complexo”, comenta Montserrat Barrio. Nun principio barállase a posibilidade de que o exame para as persoas que acudan a este curso teña lugar en xuño.

A falta de xuíces, aseguran dende a Delegación Valdeorresa de Atletismo “ten suposto un sinal de alerta para o atletismo valdeorrés xa que, de non conseguirse máis xuíces, isto podería supor a desaparición da propia delegación”. E, en definitiva, unha perda para a comarca e a súa cidadanía.

Artigos relacionados

Back to top button