Un ano máis e xa van uns cantos, a familia Rodríguez Ramos, xunto cuns amigos, reuníase na mañá deste 31 de decembro para celebrar o seu tradicional torneo de baloncesto de Nadal nas pistas deportivas do Paseo do Malecón do Barco e, ao mesmo tempo, para despedir este ano 2023. Os capitáns, Irene e Leo, escolleron desta volta ao equipo en base “á beleza dos seus xogadores”, contan dende a familia.
Ademais nesta edición do torneo incorporaron o regulamento da NBA, que non cumpriron. Co paso dos anos, os máis pequenos foron medrando e agora algúns xa están na universidades, o que implica que agora teñan que desprazarse dende cidades como Alacante, Valencia ou Madrid para cumprir con esta tradición. Pero o certo é que nunca fallan, e menos este ano no que se lle dedicou o torneo o avó Manolo.
O saque de honra do encontro facíao a avoa Manolita con 88 anos. “Realmente xogaron 12 contra 15, todos na cancha ao mesmo tempo. Non hai oco para escapar…”, explican dende os equipos.
Desta maneira tan orixinal, colaborativa e divertida, esta familia barquense despide o vello ano. Ademais, prometen que o ano que vén volverán todos a xuntarse ao redor dunha pelota e de moitos amigos, aínda que algún vai ter que vir dende Australia.
Fotos cedidas.