
A publicación no DOG da orde do 17 de setembro de 2020 da Consellería de Sanidade, que abría a posibilidade da práctica deportiva con contacto pero coa obriga de usar máscara tanto nos adestramentos como na competición, non sentou ben no fútbol galego, e tanto xogadores como técnicos e mesmo árbitros amosaron a súa disconformidade, segundo adiantan dende a Federación Galega de Fútbol
Por iso, dende a entidade que preside Rafael Louzán realizaron unha intensa rolda de consultas ata chegar á conclusión de que “hai que buscar medidas alternativas ao uso da máscara tanto para os adestramentos como para os partidos de fútbol”, anunciando que xa está a traballar para presentarlle á Secretaría Xeral para o Deporte un “protocolo actualizado con medidas de protección específica”, posibilidade esta que deixa aberta a propia Consellería na Orde publicada este xoves.
Un protocolo que segundo o presidente da RFGF terá como obxectivo poder iniciar as competicións cando as autoridades sanitarias así o consideren, e sempre con medidas que ofrezan garantías sanitarias. Porque “o fútbol quere recuperar a actividadde, pero non a calquer prezo, xa que a prioridade segue a ser a saúde dos deportistas”.
Así, Louzán remarca o compromiso do fútbol galego en “contribuír coa sociedade na posta en marcha de medidas que teñen como obxectivo loitar contra a propagación do virus”, enagdindo que “a Federación axudará aos clubs con medios económicos na posta en marcha desas medidas”.