EconomíaEconomíaÚltima hora

A Feira do Agro da Limia, Alimagro, reivindica o traballo dos agricultores

 

Alimagro chega este ano á terceira edición “converténdose, posiblemente, no evento de maior referencia e un axente dinamizador para unha comarca vital para Ourense”, sinalou Rosendo Fernández, quen lembrou, entre outras actividades, como na previa á propia feira, celebrouse un ciclo de conferencias na casa da cultura de Xinzo que afondaron en temáticas de interese para o tecido produtivo e que contou coa colaboración do Inorde.

Así o indicaba o vicepresidente primeiro da Deputación de Ourense, na inauguración da Feira do Agro da Limia que se celebra  durante toda a fin de semana, organizada polo Concello coa colaboración pública da Deputación, Xunta de Galicia, Agacal e a IXP Pataca de Galicia, onde estivo acompañado pola alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama; o conselleiro de Medio Rural, José González; o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso; e o edil de Medio Rural de Xinzo, Amador Díaz.

Na súa intervención, Rosendo Fernández enxalzou o traballo que realiza o sector agrícola na provincia de Ourense agradecendo o labor “de cada un dos agricultores e gandeiros que realizan un labor indispensable, algo que xa era coñecido por todos, pero que na pandemia aínda se fixo máis evidente”, destacando o papel da comarca da Limia como unha das principais zonas agrícolas non só da provincia de Ourense senón de toda Galicia, tanto polo número de agricultores que conforman o tecido produtivo, como polo impacto económico.

 

Autoridades na inauguración de Alimagro 2022.

 

O vicepresidente primeiro da Deputación e presidente do Inorde animou á mocidade “a que se implique e traballe neste sector, porque tanto desde a Deputación de Ourense como desde o Inorde atoparán o apoio e axuda que precisen”, lembrando que “as nosas portas sempre están abertas para atender as vosas demandas”. Proba do compromiso do goberno provincial con este sector, explicou, “foi a aposta que se fixo de abrir fai máis de 20 anos aquí, en Xinzo, o centro de Desenvolvemento Agrogandeiro que realiza un traballo esencial para toda a provincia”.

Rosendo Fernández tamén destacou a importancia da cooperación pública e privada, unha vez máis, “para poder desenvolver proxectos conxuntos que aglutinen os esforzos logrando que teñan un impacto positivo no noso territorio”. Este traballo conxunto permite chegar á terceira edición de Alimagro, convertida “no escaparate perfecto para dar a coñecer a calidade dun dos principais produtos cabeceira da nosa enogastronomía e que tan importante para o desenvolvemento económico deste municipio e de toda a comarca, como é a pataca”.

Este ano o programa da terceira edición mestura cociña en directo, degustacións gastronómicas, xugada de vacas, música, e unha gran variedade de actividades arredor do sector primario.

Artigos relacionados

Back to top button