ConcellosO BarcoÚltima hora

A Feira do Libro do Barco celebrarase esta fin de semana no Paseo do Malecón

Na xornada do sábado 16 de outubro haberá sinatura de libros por parte de Xurxo Souto e Inma López Silva, entre outros

A concelleira de Cultura do Barco, Margaerida Pizcueta, na presentación da Feira do Libro./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Nova data e nova ubicación. Así se presenta neste 2021 a Feira do Libro do Barco de Valdeorras que se celebrará esta fin de semana no Paseo do Malecón.

Tal como adiantaba na presentación a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, malia que normalmente intentaban acercar o máis posible a feira ao Día do Libro, no mes de abril, este ano a sitación sanitaria non lles daba garantías para poder celebrar este tipo de eventos “e tampouco o tempo acompañaba”, decantándose por esta data de mediados de outubro porque “será cando se celebre a entrega do III Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán, poeta valdeorrés que dá nome á biblioteca do Barco, e que contará coa presenza de varios membros do xurado, polo que aproveitaremos a súa presenza en Valdeorras para facer un programa máis amplo”, di a concelleira, agradecendo a colaboración do Ateneo Republicano de Valdeorras e do Cine Club Groucho Marx pola organización de dous actos como preámbulo da feira e que se celebrarán mañá, xoves 14 de outubro.

Ás 19 horas, presentarase na biblioteca o libro Os restos do franquismo de Manuel Monge, un libro que analiza a situación actual das figuras do franquismo que seguen a ser homenaxeadas en rúas e prazas malia a Lei da Memoria Histórica, en vigor desde o 2007. Unha hora máis tarde, ás oito, proxectarase no Teatro Lauro Olmo o filme Libreiro en Nova York, que se repetirá o domingo á mesma hora.

 

 

E xa o sábado de 11 a 20:30 horas abrirá as portas a Feira do Libro 2021, coa presenza (confirmada ata o momento) de varias librarías: Muciego, Praxis, Celia (Quiroga), A Casa Tomada e Libros de segunda man de David; ás que se suma o Periódico O Sil e varios colectivos como a Patrulla Felina, o Ateneo Republicano, o Instituto de Estudos Valdeorreses e o Cine Club Groucho Marx. Tamén se instalará unha caseta par a sinatura de libros e outra da Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán “na que sacaremos os libros dos autores que veñen a asinar así como os dos membros do xurado do Premio de Poesía”, puntuliza Pizcueta, remarcando que a feira regresa ao Malecón para buscar a mellor ubicación e convidando á poboación en xeral e tamén ao resto de librarías da zona, a participar.

Como actividades complementarias, o sábado ás 12:30 horas haberá sinatura de libros a cargo de Estefanía Padullés, ilustradora de títulos intantís como ¿A manchas o a rayas?, Leopoldo el pequeño monstruo ou Un mundo para Maruxa. Ese mesmo día ás 17 horas, haberá un espectáculo de maxia, escapismo e humor a cargo de Rogelio, un paisano en recuperación; e xa ás 19 horas sinatura de libros de Inma López Silva, Xurxo Souto e Raúl Gómez Pato.

O domingo, a feira volverá estar aberta de 11 a 20:30 horas con dúas actividades complementarias. Ás 12 horas, sinatura de libros da poeta monfortina Monterrat Yoldi Sanmartín, autora de Coas pálpebras ou Cisna na boca, entre outras obras colectivas; e ás 13 horas recital poético de Andrea Fernández Maneiro, finalista do I Premio de Poesía FDG. Presentará textos do seu poemario Migratoria acompañada polo músico Manuel Dopico Orjales do grupo Quenlla.

 

Artigos relacionados

Back to top button