Imaxinou “un tesouro” e pensou “na Xana das augas de Valdeorras, regando os viñedos, cuxo froito é ese tesouro: as uvas de godellos e mencías”. Con este xogo visual o ilustrador Miguelanxo Prado trata de atraer o visitante da XVII Feira do Viño de Valdeorras no cartaz que vén de deseñar para esta edición. Así o explicaba o 3 de maio na Coruña na primeira das presentacións deste certame vitinícola, que proseguirán ao longo de mes de xuño polas outras tres provincias galegas.
Ademais confesaba a súa ilusión por crear un “Caderno de Viaxes” de Valdeorras, que prevé presentar o próximo ano, no que “a través de imaxes, apuntamentos e textos realizarei un percorrido por Valdeorras centrado no viño, as adegas, a produción e, sobre todo, o esplendor das cores da paisaxe en outono”.
Xunto a el, o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, Xosé Luis García Pando, amosaba o seu agradecemento ao artista e adiantaba algúns dos detalles da mostra, que se celebrará os días 12 e 13 de xullo na praza Andrés de Prada do Barco. Nela participarán 21 adegas participantes e a encargada de inaugurala será a gaiteira e pianista Cristina Pato.
Tamén explicou que se contará coa presenza do cineasta Ignacio Vilar, acompañado por actores da súa película “A Esmorga”, cuxo tráiler e o making off se presentará no Teatro Lauro Olmo do Barco. Pando expresou o seu convencemento estas novidades lle darán un impulso á Feira e que no Barco, se superarán os 1.500 visitantes que tivo a edición do ano pasado.
No acto tamén estivo presente o alcalde do Barco, Alfredo García, quen avogou porque a promoción de Valdeorras debe ter continuidade “ten que ser un percorrido de todo o ano porque esta zona é a gran descoñecida de Galicia e ten que ver moito e que ofertar no seu conxunto: dende a fortaleza do Castro e o Mosteiro de Xagoaza (O Barco), pasando pola Serra de Enciña da Lastra (Rubiá) ata Pena Trevinca ou a ponte da Cigarrosa en Petín”.
Na presentación tamén estiveron o presidente da CEC, Antonio Fontenla Ramil, o presidente da Asociación de Sumilleres Gallaecia, Luis Paadín; e, en representación do Concello da Coruña, a edil de Barrios, Carmen Hervada, e o de Sevicios Sociais, Miguel Lorenzo.
Como remate da mesma tivo lugar unha maridaxe de viños de Valdeorras cuns pinchos da “nova cociña galega”, que foi guiada polo director técnico desta denominación, Jorge Mazaira.
Máis información na vindeira edición do Periódico O Sil