EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A Feira do Viño de Valdeorras tampouco se celebrará este ano

No seu lugar celebrarase un Túnel do Viño na fin de semana do 10 e 11 de xullo en Viloira (O Barco). Tamén terá lugar a XXII Cata oficial dos Viños desta D.O.

Publicidade
Foto: Carlos G. Hervella.

 

Por segundo ano consecutivo, o Consello Regulador de Valdeorras non organizará a Feira do Viño desta denominación de orixe. Así o vén de anunciar este órgao réctor tras o pleno celebrado neste 9 de xuño. No seu lugar organizará un Túnel do Viño, ao que poderán adherirse as adegas amparadas baixo o selo da D.O. coas referencias que queiran achegar. Este evento terá lugar na fin de semana do 10 e 11 de xullo en Viloira (O Barco).

“Este evento concíbese como o acto central dunha serie de accións encamiñadas a divulgar o potencial dos brancos e tintos da comarca que terán lugar en xullo. Dado o ritmo de vacinación actual e para tentar organizar un acto o máis seguro posible decidimos substituír a Feira do Viño, coas súas casetas, por un Túnel do Viño máis sinxelo de organizar e que se desenvolverá baixo o seguimento dun estrito protocolo anti- Covid”, sinalou o presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando, tras a sesión plenaria.

 

Sesión plenaria do C.R.D.O. Valdeorras celebrada esta mañá./ Cedida.

 

Ademais deste Túnel do Viño, vai promover un ano máis a Cata Oficial de Valdeorras, que nesta ocasióna alcanza a súa XXII edición. Xunto a isto, na fin de semana en que se desenvolvese o Túnel do Viño tamén levarán a cabo en Viloira diferentes catas comentadas, con maridaxe de produtos gastronómicos.

A decisión contrasta coa tomada noutras mostras vitivinícolas, como é o caso da Feira do Viño do Ribeiro, celebrada a finais de maio cun formato mixto, ou coaa Feira do Viño de Quiroga, prevista para o 24 e 25 de xullo, e que por vez primeira incorporará adegas amparadas pola D.O. Ribeira Sacra.

Asociar o Consello Regulador á CEO

O Pleno desta mañá tamén aprobou a proposta de asociar o Consello Regulador da D.O. Valdeorras  á Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) para que “as adegas poidan beneficiarse de todas as ferramentas das que esta organización dispón tanto para favorecer a súa actividade comercial como para incentivar a exportación”, tal e como informan dende o consello regulador.

Artigos relacionados

Back to top button