EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A Feira do Viño do Ribeiro contará con 20 adegas e 14 colleiteiros

Esta mostra, que recupera o seu formato habitual, celebrarase en Ribadavia do 29 de abril ao 1 de maio

Presentación en Santiago do programa da Feira do Viño do Ribeiro./ Cedida.

 

A organización da Feira do Viño do Ribeiro-FVR (en mans do Concello de Ribadavia e do CRDO Ribeiro) vén de presentar esta mañá o programa de actividades da edición número 59ª desta mostra, que se celebrará entre os días 29 e 30 de abril e o día 1 de maio de 2022. Nestas datas esta feira volverá ao seu formato de sempre no recinto da Alameda de Ribadavia. Nela contarase con 34 participantes con caseta propia, 20 adegas e 14 colleiteiros da D.O. Ribeiro.

No acto celebrado esta maná no Concello de Santiago de Compostela, participaban Xosé Antonio Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago de Compostela; Ignacio Gómez Pérez, concelleiro de Ribadavia; Juan M. Casares Gándara, presidente do Consello Regulador da D. O. Ribeiro e Cristina Otero Alonso, concelleira de Turismo e Xuventude do Concello de Ribadavia.

Xosé Antonio Sánchez Bugallo destacou a acollida e a importancia histórica que sempre tivo o viño do Ribeiro en Compostela, mencionando incluso que nalgunha época nas súas rúas e tabernas consumíase máis viño do Ribeiro ca en todo o territorio nacional.

Pola súa parte, o presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Juan Casares, sinalou que este evento é a volta á normalidade, coa celebración da FVR no seu formato de sempre ao aire libre e con público, ao cal convidou a asistir á Ribadavia para pasar unha gran xornada e esquecer os duros momentos vividos durante a pandemia.

Finalmente, Ignacio Gómez resaltaba o esforzo e o traballo que levan os viticultores, adegas e colleiteiros durante todos estes anos para elaborar e producir o viño do Ribeiro e que xa se leva case 60 anos celebrando este emblemático evento. Agora toca unha fase para superar a crise provocada pola Covid e poñer en valor o traballo de todos os produtores do Ribeiro.

O programa da mostra incluirá, entre outras actividades, a exaltación e degustación dos viños do Ribeiro, unha Cata Popular (cataranse a cegas os viños das adegas e colleiteiros presentes na Feira do Viño do Ribeiro), Catas comentadas con recoñecidos sumilleres, a Gala Entrega Premios da Cata Popular. Tamén se disporá dunha zona de gastronomía (Food Trucks e pulpeira), así como de música en directo en sesións de viño-aperitivo (13.30 h – 15.00 h) e sesión nocturna (21.30 h – 23.00 h).

 

 

Outras propostas do programa da FVR serán Ribeirolandia (actividades para nenos con atraccións, colchonetas e monitores), visitas guiadas ao Castelo de Ribadavia e ao Museo do Viño de Galicia, Sons do Viño (actuacións musicais en diversas rúas e prazas do conxunto histórico de Ribadavia) e unha exposición dos carteis históricos da Feira do Viño do Ribeiro no local da Madalena.

O pregón deste ano correrá a cargo de D. Arsenio Paz, propietario de Bodega A Vilerma e un dos grandes pioneiros e impulsores do momento actual da D.O. Ribeiro.

Por outra parte, unha actividade xa moi consolidada, como é a Cata Popular, volverá a ter o seu espazo dentro da programación. Será na tarde do venres e ao longo de todo o sábado no local social da Magdalena onde, como en anos anteriores, o público participante catará a cegas os viños que se presenten ao concurso, dos que sairán os viños premiados nas diferentes categorías (branco de adegas, branco de colleiteiros e tintos).

Artigos relacionados

Back to top button