EconomíaEconomíaÚltima hora

A Festa do Viño Novo da Teixeira adáptase á situación sanitaria e reúne a unhas 220 persoas

 

A tradición vitivinícola mantense con forza na Teixeira, unha localidade da Ribeira Sacra ourensá que exalta cada outono a nova colleita cunha celebración moi especial: a Festa do Viño Novo. Unha cita que trala paréntese do ano pasado pola pandemia de Covid, regresaba este ano con moita ilusión pero adaptada á situación sanitaria.

 

O alcalde da Teixeira Miguel Cid xunto a outros alcaldes da zona e o vicepresidente da Deputación de Ourense.

 

O evento tiña lugar na xornada deste sábado 20 de novembro, mantendo un programa moi similar ao de anos anteriores que arrancaba coa celebración dunha misa co acompañamento musical da Charanga TDB, seguida da sesión vermú na que non faltaron os esperados bailes.

 

Entre os asistentes había xente de Valdeorras.

 

Esta agrupación era tamén a encargada, un ano máis de amenizar o xantar en torno a un menú a base de empanada, polbo en abundancia e carne ao caldeiro. Estes pratos estaban acompañados por viños das adegas da Teixeira, un territorio amparado pola D.O. Ribeira Sacra. Na sobremesa servíase bica, ademais de café e licores.

 

Viños da Teixeira, amparados pola D.O. Ribeira Sacra.

 

Con case vintecindo anos de historia, esta celebración adoita reunir a entre 500 e 600 persoas, pero este ano, tal como explica o alcalde Miguel Cid, tiveron que reducir o aforo (mantendo ademais todas as mdidas sanitarias aínda vixentes) polo que foron unhas 220 os asistentes, entre os que estaban o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández e varios alcaldes da contorna.

Fotos: O SIL.

Artigos relacionados

Back to top button