CulturaCulturaEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

A figura de Florencio Delgado Gurriarán, analizada dende diversas ópticas no simposio da RAG

Na primeira sesión deste foro, celebrada esta tarde na sede da Academia da Coruña, participaban a filóloga vianesa Concepción Álvarez e os barquenses Débora Álvarez e Ricardo Gurriarán, entre outros relatores

 

Florencio Delgado Gurriarán “ten moitas ópticas, todas son complementarias e abren territorios de investigación”. Destacábao o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, esta tarde durante  primeira sesión do congreso que esta entidade está a organizar na Coruña dedicado ao autor valdeorrés. Nela participaban un total de cinco relatores, entre eles a filóloga vianesa Concepción Álvarez Pousa e a directora do proxecto “As Letras de Florencio”, a barquense Débora Álvarez. “Este conxunto de perspectivas fan moito máis rica a figura de Florencio.

 

 

A conferencia inaugural corría a cargo do académico Xesús Alonso Montero, quen poñía o foco na poesía sociolingüística do autor valdeorrés e doutros poetas do seu tempo. Comezaba abordando os poemas dos anos da República (1931-1936), sinalando que o valdeorrés é a “única voz salientable” neste período e citando, entre outros, tres poemas mois significativos: “Opinións sobre o galego”, “Carta de Guan de la Era al doutor Nuevo Campito” e “Fan castelán”. Despois analizaba a poesía sociolingüística de Delgado Gurriarán posterior a 1939, “a escrita do exilio”.

 

 

Deseguido, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, moderaba unha mesa redonda na que participaban o académico correspondente Ramón Nicolás, a fióloga e investigadora vianesa Concepción Álvarez Pousa, a directora das Letras de Florencio, Débora Álvarez e o catedrático da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo Xosé Manuel Dasilva.

 

 

O primeiro en tomar a palabra era Ramón Nicolás, quen realizaba dúas incursións na correspondencia do poeta corgomés con Rodolfo Prada e Ramón Otero Pedrayo. Deseguido, tomaba a palabra Concepción Álvarez Pousa, quen afondaba nas fontes léxicas na lírica do autor. “A lingua literaria de Florencio Delgado Gurriarán é esencialmente a lingua viva do pobo, a da xente de Valdeorras, aínda que ttamén presenta outros elementos. No plano léxico é onde mellor ser percibe esa lingua popular e dialectal”.

 

A filóloga vianesa, Concepción Álvarez Pousa.

 

Tamén resaltaba a “especial admiración do autor pola lingua oral reflíctese nas diferentes fontes léxicas das que bebe a súa lírica. O seu galego literario caracterízase, fundamentalmente, por ser unha lingua popular, depurada de castelanismos e apoiada co recurso do portugués. Marcada amplamente polos termos dialectais da comarca de Valdeorras e zonas estremeiras e polas formas específicas do seu entorno, influenciada pola tradición literaria dalgúns dos nosos clásicos, reforzada coa presenza de estranxeirismo propios das linguas modernas europeas e coa presenza de trazos do nahualt do México a onde se exilira, marcada polos cultismos nese camiño cara a lingua elaborada e enriquecida pola derivación, mediante sufixación e composición como principais procedementos da formación de palabras”.

 

 

Deguido, Débora Álvarez Moldes referíase ao valor simbólico da paisaxe na obra de Delgado Gurriarán. “Dalgunha forma a paisaxe na literatura de Florencio é a paisaxe de Valdeorras”. Neste senso comentaba como o autor plasmaba a natureza e o paso das estacións na comarca, así como tras o seu exilio a terras aztecas, “segue co amor a esa paisaxe” e ás súas xentes. “É unha paisaxe que usa para evocar a terra, o berce” e que “contrapón coa imaxe do mundo que está a descubrir”.

 

Débora Álvarez.

 

 

 

Finalmente, o catedrático da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, Xosé Manuel Dasilva, achegábase ás traducións de Delgado Gurriarán ao galego de poetas como Walt Whitman ou Paul Valéry.

 

 

A sesión concluía coa presentación do libro “Conversas con Florencio Delgado e Celia Teijeiro”. Este volume recolle a conversa que Delgado Gurriarán mantivo en 1979 coa antropóloga catalá establecida en México Dolors Pla (1954-2014) para o arquivo da historia oral do exilio español no país que os acolleu a ambos, nunha versión traducida ao galego e editada para a ocasión; e mais a entrevista que o historiador barquense Ricardo Gurriarán lle fixo á dona do homenaxeado, Celia Teijeiro, en 1998.

 

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, durante a presentación do libro.

 

Na súa intervención, Gurriarán repasaba “o itinterio vital de Pla, unha figura “an imprescindible para entender o exilio mexicano, para saber un pouco de historia oral e de ver o guieiro dos itinerarios dalgunhas persoas e, sobre todo, neste caso, de Florencio Delgado Gurriarán”. E lembraba que Dolors Pal foi tres veces á casa de Florencio en Guadalaxara “a facerlle unha entrevista de máis de cen páxinas”.

 

Ricardo Gurriarán na presentación do libro.

 

O programa deste simposicio continuará na tarde do vindeiro 10 de novembro na sede da Real Academia Galega.

Fotos: cedidas e RAG.

Vídeos cedidos.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button