ConcellosQuirogaÚltima hora

A filla adoptiva de Quiroga, Celia Díaz, presentará o seu novo libro no marco da festa de San Martiño

O acto será mañá, sábado 11 de novembro, ás 18 horas na Casa da Cultura

 

Coincidindo coa celebración do patrón da vila de Quiroga, San Martiño, a escritora e filla adoptiva de Quiroga, Celia Díaz, presentará na casa da cultura o seu libro As faces do diamante.

O alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, presentará ás seis da tarde o acto no que o concelleiro e segundo tenente de alcalde, Xosé Manuel Fernández, guiará en forma de conversa a presentación da nova obra de Celia Díaz.

Na presentación varias persoas encargaranse de ler algúns fragmentos deste libro que contén dez relatos nos que se abordan diferentes temáticas protagonizadas por personaxes moi diversos: unha anciá que camiña con zapatillas rotas, unha rapaza rescatada dun colector do lixo, un ancián que se esforzou por cumprir un xuramento que non debeu pronunciar, un rapaz que toca o tambor e fai bolboretas de papel, unha moza boliviana que non quere ser moeda de cambio de ninguén, unha rapaza que ceba o mate nunha noite de choiva e fastío ou unha nena xudía no gueto de Varsovia.

 

 

A pesar de que as historias destes personaxes transcorren en diferentes lugares e en distintas épocas acaban entrecrúzandose e interrelacionándose creando unha historia que abrangue máis de oitenta anos, conseguindo que estes relatos, en palabras de Xulio Valcárcel, formen unha novela.

Celia Díaz, vinculada familiarmente a Quiroga onde pasou varios anos da súa vida é profesora de Lingua Galega en Educación Secundaria Obrigatoria no IES As Lagoas de Ourense e de Didáctica da Lingua Galega na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo. A súa ampla actividade literaria -tanto para público infantil como adulto- inclúe novelas, relatos, teatro, ensaio, pasatempos, libros de texto e outros materiais didácticos. O que lle serviu para acadar tamén numerosos recoñecementos entre os que destaca o Premio de teatro infantil O Facho en dúas ocasións (no 2019 por Unha estrela para Amina e no 2016 por O castelo de pena redonda) ou o Premio Pura e Dora Vázquez de Literatura Infantil e Xuvenil noutras dúas (2004 por Adeliña e 2012 por Rugando), entre outros.

Unha hora despois da presentación comezará na praza Maior o magosto popular con castañas asadas e viño novo.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button