Sucedía na madrugada do pasado domingo. Un condutor profesional, que deixaba o seu camión en Benavente (Zamora) e collía o seu turismo para regresar á súa casa en Caldas de Reis (Pontevedra) pola A-52, decatábase de que nesta autovía á altura da Gudiña un turismo circulaba en sentido contrario pola calzada de sentido a Benavente.
“Este condutor profesional circulou paralelo ao vehículo infractor facéndolle constantes cambios de luces e intentando que o condutor infractor se detivera, pero ao ver que non se daba por aludido ou que non comprendía o que quería indicarlle (hai que ter en conta que era de noite e que había néboa), decidiu adiantarse e estacionar o seu vehículo nun lugar adecuado para non crear risco aos demais condutores e de forma rápida colocou o seu chaleco reflectante e cunha pequena lanterna cruzou os dous carrís da calzada e a mediana, accedendo á outra calzada, co fin de indicarlle aos demais condutores que se detiveran, logrando tamén deter ao condutor que circulaba en sentido contrario”, segundo informa a Garda Civil de Ourense.
O condutor que ía en sentido contrario era “un ancián de 88 anos de idade que por erro incorporouse á autovía a contrasentido e ao que se lle propuxo para un recoñecemento de aptitudes psicofísicas extraordinario”, tal e como indica a Garda Civil, que tamén resalta a “heroica acción do condutor profesional, de 35 anos, que logrou detelo na autovía e avisar do perigo ao resto dos usuarios da mesma, posto que puxo en perigo a súa propia integridade física, para salvagardar a dos demais”.
Neste senso, dende o Subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense quérese “destacar e recoñecer este tipo de condutas solidarias co resto de condutores, á vez que se fai un chamamento á prudencia en caso de verse na necesidade de actuar de forma similar, toda vez que as actuacións a pé firme nas estradas son moi perigosas para quen as executa”.
Foto cedida.