OurenseÚltima hora

A Garda Civil e a Policía Nacional realizaban controis a 8.225 persoas e 6.679 vehículos na provincia na última semana

Así o sinalaba o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, despois da reunión semanal do Centro de Coordinación

Imaxe da reunión do CECOR, presidida polo subdelegado do Goberno en Ourense./ Foto cedida.

 

Este xoves celebrábase a reunión semanal do Centro de Coordinación (CECOR) provincial establecido para o seguimento dos dispositivos de seguridade vinculados á actual situación sanitaria. O encontro estaba presidido polo subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González.

Na xuntanza, celebrada na Subdelegación do Goberno, participaron responsables da Garda Civil, da Policía Nacional, da Policía Autonómica, da Policía Local de Ourense e representantes da Subdelegación do Goberno e da Xunta de Galicia e nela avaliouse o traballo que realizaron na última semana as forzas e corpos de seguridade para velar polo cumprimento das restricións sanitarias dispostas polo Goberno autonómico.

O subdelegado do Goberno informou de que a Policía Nacional e a Garda Civil despregaron na provincia de Ourense un total de 534 dispositivos de vixilancia dende o pasado xoves, cando tivo lugar a anterior reunión do CECOR. Durante estes operativos, os axentes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado identificaron a 8.225 persoas e controlaron 6.679 vehículos.

Emilio González detallou que nos días comprendidos entre o 4 e o 10 de febreiro a Garda Civil e a Policía Nacional elevaron 244 propostas de sanción, cifra que supón que o 2,9% do total de persoas identificadas incorría nalgunha sanción relacionada co incumprimento das medidas sanitarias que ten establecidas a Xunta.

Así mesmo, na reunión do CECOR acordouse manter o reforzo dos dispositivos de control nas comarcas de A Limia, Verín e Ourense durante os días do Entroido, contando nas mesmas cun maior despregue de efectivos da Garda Civil e da Policía Autonómica. Con estes operativos preténdese garantir o cumprimento das restricións de mobilidade e dos contactos sociais establecidas polo Goberno autonómico.

Emilio González incidiu na importancia de manter a responsabilidade persoal e restrinxir ao máximo os contactos sociais, ademais de cumprir coas recomendacións das autoridades sanitarias e o resto da normativa establecida para contribuír ao descenso da incidencia da pandemia na provincia. Finalmente, agradeceu o traballo coordinado que levan a cabo na provincia de Ourense as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, xunto coa Policía Autonómica e as Policías Locais para asegurar o cumprimento das restricións fixadas pola Xunta de Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button