OurenseÚltima hora

A Garda Civil reforzará os dispositivos de control nos concellos da provincia que estean en nivel alto e medio

Así o vén de anunciar o subdelegado do Goberno en Ourense, tras a reunión coas forzas de seguridade para coordinar os operativos de vixilancia e control das medidas sanitarias establecidas en Ourense

Imaxe da reunión de coordinación presidida polo Subdelegado do Goberno en Ourense./ Cedida.

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, presidía esta mañá a reunión coas forzas de seguridade para coordinar os operativos de vixilancia e control das medidas sanitarias establecidas para a provincia. Esta xuntanza de coordinación celebrábase na Subdelegación do Goberno coa participación de mandos da Garda Civil, da Policía Nacional, da Policía Autonómica e da Policía Local de Ourense.

No encontro valorouse positivamente a eficacia dos dispositivos conxuntos de Policía Nacional, Policía Autonómica e Policía Local realizados durante a pasada fin de semana na cidade de Ourense. Así, acordouse mantelos de cara á vindeira fin de semana, con especial fincapé nas zonas nas que se congrega maior número de persoas e con actuacións preventivas, prestando especial atención ás aglomeracións que se poidan producir na vía pública.

Pola súa banda, a Garda Civil reforzará os dispositivos de control e vixilancia coa mesma finalidade nos concellos da provincia que se atopan en nivel alto e medio de restricións decretadas pola Xunta de Galicia.

O subdelegado do Goberno subliñou que para frear o avance da pandemia na provincia é precisa a colaboración e responsabilidade da cidadanía, evitando situacións que poidan contribuír á propagación do virus. “A sociedade, especialmente a xente máis nova, ten que ser consciente de que a enfermidade non está vencida, polo que é preciso continuar respectando as medidas de autoprotección, como o uso da máscara e o resto de prescricións que determinen as autoridades sanitarias”, sinalou González Afonso.

Durante a xuntanza tamén se fixo balance das actuacións levadas a cabo polas forzas e corpos de seguridade nos últimos catorce días para garantir o cumprimento das medidas ditadas polo Goberno autonómico. Así, entre o 1 e o 14 de xullo a Garda Civil e a Policía Nacional realizaron 535 controis e 312 inspeccións en establecementos de hostalaría. Nos dispositivos identificouse a 1.613 persoas e controláronse 1.157 vehículos. Como consecuencia destes controis, na provincia formuláronse 103 propostas de sanción por parte da Garda Civil e da Policía Nacional.

Artigos relacionados

Back to top button