Andainas-Trails-OrientaciónDeportesÚltima hora

A ‘Gladiator Race’ reunirá a máis de 300 participantes de 14 provincias do noroeste peninsular e de Portugal

Este evento retorna á provincia de Ourense cun formato único en España, o vindeiro 22 de outubro a partir das 20 horas

 

A área recreativa do Corgo en Muíños será novamente o escenario da Gladiator Race, proba organizada pola Deputación de Ourense a través do Inorde co apoio de Turismo de Galicia e a colaboración do Concello de Muíños, cun formato único en España neste 2022 ao celebrarse en horario nocturno.

A presentación da proba tiña lugar na mañá deste mércores 19 de outubro contanco coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez; a xerente do Inorde, Emma González; e o director técnico da proba, Serafín Martínez.

A Gladiator Race que chega este ano a súa cuarta edición, “consolídase no calendario deportivo ourensán nun lugar referencial como é O Corgo, que nos pasados anos xa deu boa conta da capacidade organizativa desta provincia e da gran impresión que levan os participantes na proba do noso territorio”, sinalou o presidente do goberno provincial.

Na súa intervención, o delegado da Xunta, Gabriel Alén, defendeu “esta liña de colaboración que facemos sempre co Inorde, na provincia de Ourense porque nos permite poñer en valor o noso territorio e aproveitar ese escaparate idóneo a través das actividades deportivas”. Así mesmo, sinalou que desde o ámbito de turismo da Xunta de Galicia “somos conscientes de que temos un potencial natural valorado especialmente a partir da pandemia e, sobre todo, con ese modelo de turismo seguro que ampara do mellor modo posible as actividades deportivas que promovemos en base a este convenio”.

Este ano, a Gladiator Race, volve a celebrarse en horario nocturno, “sendo, polo tanto, a única proba dentro das Gladiator que se celebra de noite en toda España, reafirmando ese carácter diferenciador e innovador que promovemos para atraer a visitantes ao noso destino”, explicou a xerente do Inorde, Emma González, que remarcou que a proba reunirá a máis de 300 inscritos procedentes de 14 provincias, fundamentalmente do noroeste peninsular e de Portugal, “dato a salientar porque desde o Inorde, o noso obxectivo é promover o deporte como ferramenta para atraer turistas e pensando en poñer en valor a nosa marca turística que contempla catro recursos cabeceira e un deles é ‘Ourense natural”.

 

 

Pola súa banda, o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, remarcou que a Gladiator Race é “a última proba do calendario de actividades turísticas-deportivas que aprobamos a comezos de ano chamado “Xurés Experience” que está pactado cos cinco concellos da Baixa Limia co obxectivo de coordinarnos na organización destes eventos”.

Ademais, Plácido Álvarez destacou deste calendario a Ourense Strade Termal e o Campionato Galego de Piragüismo Infantil e Alevín, ou o Campionato Nacional de Media Maratón de Piragüismo, “que durante un fin de semana contamos con máis de 600 palistas en Muíños, polo tanto, comezamos a ter un nome importante no ciclismo e no piragüismo”.

A cuarta edición da Gladiator Race terá lugar o vindeiro sábado, 22 de outubro, a partir das 20 horas, desafiando aos mellores corredores do ámbito nacional “ao ser unha das probas máis esixentes que realizamos ata o momento, cun percorrido de 5 quilómetros e con máis de 25 obstáculos, que inclúen subir por pirámides, zonas de equilibro, probas de forma e moitas aventuras máis”, sinalou o director técnico da proba, Serafín Martínez.

A proba contará coa participación da actual campioa de España e ao mellor equipo, Os Vengadores, polo tanto, “a nivel participativo non só contamos cunha cantidade elevada, senón que tamén temos unha alta calidade porque temos unha parte elite que vén a intentar gañala, xa que forma parte da Liga Nacional de carreiras de obstáculos”, engadiu Serafín Martínez.

Dado que o evento volve a celebrarse en horario nocturno, os participantes están obrigados a levar frontal luminoso xa que o 90% do percorrido estará sen iluminar. Trátase dunha experiencia que está aberta a todo tipo de público e que se poderá disputar de xeito individual ou por equipos de mínimo 5 integrantes.

 

Artigos relacionados

Back to top button