Achegarse dunha forma divertida, educativa e lúdica a unha explotación agrogandeira e desfrutar dos seus produtos de calidade no seu entorno e en plena natureza. É o obxectivo co que vén de poñerse en marcha a Granxa Escola A Capilla en Lentellais (O Bolo). Este novidoso proxecto, cuxa responsable é Elisa Camino, comezaba a funcionar na tarde do 12 de outubro cun acto inaugural no que participaban numerosas persoas.
“A nosa idea é que a xente veña a visitar a explotación gandeira, pase a xornada e desfrute dun xantar cos nosos propios produtos autóctonos, cos ovos das nosas galiñas de Mos que criamos aquí, cos galos, cos nosos cordeiros de raza ovella galega… Trátase de recoller o produto na propia granxa e elaboralo na cociña que está aquí ao lado e despois degustalo neste entorno natural”, explican dende esta granxa escola valdeorresa. Tamén dispoñen dun servizo de comedor para xantares, ceas e eventos.
O seu proxecto conta ademais cunha notable vertente educativa e didáctica dirixida aos máis pequenos, con propostas de educación ambiental, actividades e obradoiros agropecuarios, actividades lúdico-deportivas, xogos tradicionais… “Contamos cunha pedagoga tamén preparada para acompañar aos nenos de educación especial”, matizan dende a Granxa Escola A Capilla.
A súa proposta vai dirixida a grupos escolares, pero tamén a particulares, a familias con nenos, a asociacións, empresas, institucións públicas, etc. Ademais apostan por outros produtos autóctonos como a carne de tenreira autóctona e polos viños valdeorreses.
Fotos: Carlos G. Hervella.