En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A historia da construción dos saltos do Sil, feita documental

O petinés Domingo Díaz estreaba na Rúa na noite do 5 de decembro o seu documental “O desafío do Sil”. Tamén se proxectará os días 6 e 7 de decembro ás 20:30h. no Centro Cultural Avenida con entrada libre

A historia dos saltos do Sil, da súa proxección e construción e os cambios socioeconómicos que implicaron no entorno no que se levantaron son os eixos centrais de “O desafío do Sil”, un documental con guión, dirección e produción do petinés Domingo Díaz. Este traballo presentábase no Centro Cultural Avenida da Rúa na noite do 5 de decembro cunha gran asistencia de público, entre o que estaban responsables de Iberdrola como Miguel Ángel López, director da conca do Sil; e Francisco Silva representante da Fundación Iberdrola, así como diversos representantes políticos da comarca.

Antes da proxección interviñan o alcalde da Rúa, Luis Fernández, quen agradecía ao director o seu traballo e esforzo, e o propio Domingo Díaz, que explicaba como se xestaba este filme. “Cheguei a este documental por unha casualidade. Un día saíndo dunha biblioteca vin un libro titulado Construccion de Los Saltos del Sil 1945-1965 de Susana Chávarri, que hoxe está aquí con nós”, lembraba. Leuno con rapidez e descubriu que falaba “dun tema que coñecía, saian os pais dos meus amigos e dixen, teño que facer disto un documental”.

Tamén comentaba que se fixeron dúas montaxes, xa que ao rematar a primeira conseguían moito máis material de “arquivo e decidimos utilizalo”. E resaltaba certas claves que quixo tratar nesta traballo: “a capacidade de esforzo desa xeración”, “a audacia dos enxeñeiros ao facer obras pioneiras en Europa” e “o cambio social e transformación que se produciu arredor desas presas”. Ademais agradecía o apoio dos concellos da Rúa e Petín e tamén o de Iberdrola “que nos permitiu entrar en todos os sitios e centrais”.

Despois apagábanse as luces do Centro Cultural Avenida e sobre a pantalla contábase o relato dun proxecto empresarial ligado ao aproveitamento dun recurso natural: a auga do Sil. Un relato no que se mesturan imaxes actuais con outras antigas de diversos arquivos, ademais da narración da historiadora Susana Chávarri e dos testemuños dalgúns dos seus protagonistas: topógrafos, traballadores das obras, persoal administrativo…

Este documental, cunha duración de 65 minutos, está rodado en localizacións da Rúa, O Bolo, Vilariño de Conso, Nogueira de Ramuín, Os Peares… Así como noutras zonas fóra da provincia de Ourense como Quiroga e Ribas de Sil (Lugo) e as comarcas leoneas de Babia, Laciana e O Bierzo. É un traballo que remata cunha dedicatoria a “unha xeración que nos ensinou o valor do esforzo”.

Tras o pase deste documental había unha pinchada para os asistentes no mesmo hall do Centro Cultural Avenida.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button