CulturaCulturaÚltima horaVídeos

A historia do Castelo de Arnado feita libro e contada en imaxes

O Casino do Barco acollía a presentación da obra escrita por Jaime Pedro López Sánchez e a exposición de imaxes antigas

 

Unha exposición e a presentación dun libro. Dobre era a cita que na tarde deste venres 22 de marzo reunía a numeroso público no Casino do Barco de Valdeorras.

Da man do IEV e da sociedade Casino chegaba ao público a obra El Castillo de Arnado y sus promotores “a historias xamáis contada, agora desvelada polo seu afillado e sobriño da ama de chaves” Jaime Pedro López Sánchez, presente no acto xunto ao seu fillo Jaime Garrido, o arquitecto encargado do proxecto de restauración do castelo, propiedade agora da familia Roandi.

 

 

Segundo Jaime Garrido, Jaigarr, responsable tamén da maquetación, o libro consta de “actos obxectivos obtidos de metódica investigación, outros directamente vividos ou recolleitos de persoas que os viviron, recordos, emocións atesouradas, sorpresas insospeitadas, algo de aventura, poesías, contos antigos, segredos revelados, fotos orixinais das épocas”, en definitiva, un percorrido polo tempo de condes, amizades literarias, líder da independencia americana, alcaldes e militares, damiselas e campesiños do entorno do castelo. Dende as súas orixes (1812-1932), pasando polos recordos do autor (1932-1962) ao presente (1962-2020) e o prometedor futuro en mans de Roandi co proxecto en marcha de rehabilitación, renovación e refundación.

En contra do que adoita acontecer, o acto comezaba coa sinatura de exemplares por parte do autor do libro durante case unha hora. De seguido era o presidente do Casino, Pablo Dobao, quen daba a benvida aos asistentes, recoñecendo que era un luxo presentar un libro que fala do seu pobo. O presidente do IEV, Aurelio Blanco Trincado era o encargado de presentar ao autor do libro, quen recoñeceu que a idea de escribir o libro partía do propio Blanco Trincado quen acabou convencéndoo. Jaime López tamén adiantou que seguramente haberá un segundo libro.

 

 

O mesmo opina o seu fillo quen asegura que se trata dun “ibro do pasado para restablecer o presente e traballar para un futuro”, centrando a súa intervención no proxecto de restauración posto en marcha. “O que non fixo o conde faráo agora Roandi”, dixo cedendo a palabra a Margarita de Roandi, a cuarta xeración de adegueiros que deu as grazas a todos os que fixeron posible o logrado ata agora.

Jaigarr é tamén o comisario da exposición de fotos antigas, en branco e negro, sobre a vida no castelo e os seus habitantes que decoran estes días as paredes do Casino.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver

 

Artigos relacionados

Back to top button