SanidadeÚltima hora

A hixiene de mans, un xesto esencial na asistencia sanitaria e a manter entre a poboación en xeral

Toda unha serie de actividades nos tres hospitais e en distintos colexios da provincia lembrarán este xesto que salva vidas

 

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras súmase á Organización Mundial da Saúde na conmemoración mañá 5 de maio do Día Mundial de Hixiene das Mans, que este ano ten por lema “Aceleramos a acción entre tod@s” e servirá de enlace para toda unha serie de actividades que se desenvolverán nos tres hospitais e en Atención Primaria por toda a provincia.

As actividades invitaran ao persoal sanitario e á poboación en xeral a unirse a celebrar este xesto que salva de ano en ano miles de vidas nas unidades hospitalarias, e limita a difusión e proliferación de xermes e contaxios, como a sociedade aprendeu durante a pandemia. Para levalo a bo término creouse un Grupo de Traballo de Hixiene de Mans, formado por persoal médico e de enfermería e residentes en formación, dos hospitais de Ourense, verín e Valdeorras, pertencentes as unidades ou servizos de Calidade e Medicina Preventiva, mentres que por parte de Atención Primaria desde a Supervisión de Enfermería de Crónicos programáronse obradoiros e charlas de acción comunitaria.

Uns dos máis concienciados da importancia deste xesto son precisamente os máis pequenos e a eles adicarase mañá parte das actuacións de atención primaria, por medio do obradoiro de hixiene de mans: “Bichos Fora” que se celebrarán no Centro de Saúde de Celanova e nos centros escolares CEIP de Prácticas, CPI José García García de Mende e “La Purísima” de Ourense, por parte de enfermeiros dos Centros de Saúde de A Ponte, Valle Inclán e Novoa Santos, en Ourense, asi como no CEIP Ben Cho Shey de Pereiro de Aguiar, CEIP de Maside e Luis Vives de A Valenzá por parte dos seus profesionais sanitarios de referencia.

 

 

Salvar vidas nos ingresos hospitalarios

A nivel hospitalario a práctica da hixiene de mans por medio a técnica axeitada e no momento correcto non só salva vidas senón que garante a redución das infeccións asociadas á asistencia sanitaria (IRAS) e a diseminación de microorganismos multirresistentes.

Para lembrar aos profesionais sanitarios o indispensable e efectivo desta medida o Grupo de Traballo de Hixiene de Mans leva meses traballando, por medio dunha campaña informativa interna, con fondos de pantalla e cartelería propia, e avaliando o seu cumprimento nas distintas unidades, para establecer vías específicas de acción. Igualmente, valorarase positivamente tamén o grao de cumprimento cun premio de nova creación: “Mans de Ouro” que premiará a unidade de enfermería, unha por hospital, cos mellores resultados nas roldas de seguridade levadas a cabo os pasados días.

Co obxectivo de reforzar este compromiso coa seguridade mañá instalaranse mesas informativas nos tres hospitais públicos de Ourense, Verín e Valdeorras, onde se ofrecerá consello sobre as técnicas e os cinco momentos definidos pola OMS para realizar unha hixiene de mans. Tamén instalaranse photocalls para apoiar o compromiso coa hixiene de mans e compartilo en redes sociais.

Tamén co exemplo dos máis pequenos realizarase unha dinámica visual: “Mans con brillo”. As persoas a miúdo lávanse as mans só con auga, pero só o lavado minucioso con xabón fai que queden realmente limpas. Así con materiais simples como como purpurina, vaselina e auga, demostrarase aos nenos e nenas ingresados en pediatría o poder do xabón. Para lembrar a actividade deixarán un mural para que os cativos deixen a súa huella.

Artigos relacionados

Back to top button