OurenseÚltima hora

A homenaxe mundial do “Gaiteiro da Catedral” contará co apoio de asociación de gaiteiros da provincia

As agrupacións amosaron o seu respaldo a esta iniciativa solidaria que "une música, cultura e confraternidade a prol das vítimas do Covid-19 e as súas familias"

“O Gaiteiro da Catedral”, a homenaxe mundial permanente que están a organizar a Deputación de Ourense, o Bispado e a Catedral de Ourense, avanzou no día de hoxe ao contar co apoio unánime de asociación de gaiteiros e colectivos musicais e culturais da provincia de Ourense, que amosaron o seu respaldo a esta iniciativa solidaria que une música, cultura e confraternidade a prol das vítimas do Covid-19 e as súas familias.

Na reunión que mantiveron con estes colectivos o asesor de Cultura, Aurelio Gómez Villar, e o responsable de Comunicación da Deputación de Ourense, Fernando Méndez, no centro cultural “Marcos Valcárcel”, os representantes musicais e culturais coincidiron en destacar “a fortaleza coa que nace esta iniciativa polo que supón de carácter popular e achegamento co máis tradicional da nosa música, unindo a figura musical máis importante de Ourense co acto solidario máis relevante en favor das vítimas da pandemia”.

 

Aurelio Gómez Villar e Fernando Méndez, reunidos con representantes de asociacións de gaiteiros da provincia.

 

Así, Fernando Méndez destacou “a importancia de facer partícipes a todos os gaiteiros dun acontecemento histórico que terá lugar os 365 días do ano e cuxo nobre obxectivo será o de unir música e solidariedade no marco incomparable da Catedral de Ourense e ao redor da nosa figura senlleira: o gaiteiro”.

Entre as propostas por parte das asociación destacaron o feito de abrir a participación aos grupos de gaiteiros da emigración ourensá e galega, pertencentes a colectivos espallados por todo o mundo, e tamén o protagonismo dos mozos, combinado coa experiencia dos gaiteiros máis veteranos, “para entre todos facer deste evento a manifestación musical máis grande e perdurable no tempo”.

Está previsto que nos vindeiros días se ultimen os preparativos para o acto inaugural desta cerimonia, que terá lugar proximamente, e que fará realidade que cada día, ás 11.30 horas (data na que a OMS declarou a pandemia: o 11 de marzo de 2020), desde a torre da Catedral de Ourense un gaiteiro ou unha gaiteira toque desde alí unha melodía.

O acto, que cada día terá unha duración de 2 minutos, está aberto á participación de agrupacións folclóricas da provincia de Ourense e gaiteiros de Ourense, do resto de Galicia, de España e internacionais.

Artigos relacionados

Back to top button