O vindeiro sábado, 14 de outubro abrirase ao público a III Exposición Agrogandeira de Trevinca, que se celebrará durante a fin de semana na Veiga. A exposición contará este ano con máis de 100 cabezas de gando, superando así ás edicións anteriores. Cabalos, ovellas, bois e vacas forman parte das máis de 20 explotacións inscritas para participar. Haberá unha exposición de maquinaria agrícola contando nesta ocasión con maquinaria antiga, recuperada para a ocasión, e doutra máis moderna para o traballo no campo.
“Unha das novidades principais deste ano será unha demostración do oficio tradicional do arado con bois. Dado que un dos obxectivos principais da exposición é recuperar os oficios antigos, farase unha demostración da malla e elaborarase augardente tradicional. E para quen queira participar, dous concursos: acarabuñado de gadañas e xunguido de bois”, adianta o alcalde da Veiga, Juan Anta.
O espectáculo ecuestre sempre acompañado de numeroso público ano tras ano, tampouco faltará na xornada da tarde do sábado. Dúas degustacións de produtos locais e unha cata de viños conforman a parte máis gastronómica da fin de semana. Ademais de todo isto haberá postos de artesanía, alimentación, produtos locais e postos de restauración abertos ao público.
Como antesala desta exposición (promovida polo Concello da Veiga coa colaboración do Inorde, Deputación de Ourense e a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias) está previsto un apartado musical o venres día 13. Así ás 22:00h actuará Susana Seivane na praza do Toural, contando coas teloneiras Caamaño & Ameixeiras que abrirán o concerto ás 21:00h.