As mulleres que o ano pasado portaban por primeira vez a imaxe da Virxe da Consolación, protagoniza o cartel da Semana Santa 2025 do Barco de Valdeorras que o párroco, Jesús Álvarez Álvarez, presentaba na mañá deste xoves 13 de marzo.
“O ano pasado saía cunhas andas antigas do Nazareno, algo que a min me gusta especialmente porque, se ben non teño nada en contra de que se porten en carros, unha procesión non deixa de ser un acto penitencial”, dixo o párroco, adiantando que este paso sufrirá un cambio importante. “En lugar de andas, a imaxe irá sobre un trono preparado para tres barrais e 34 mulleres que portarán por un percorrido similar ao ano pasado, pola zona de Santa Rita (praza do Príncipe, rúa España e rúa Balorca), que marcará o inicio da Semana de Paixón”, o luns 14 de abril ás 20 horas xunto ao Santo Cristo da Paz portado ao estilo “lexionario” e acompañamento musical da Banda de Tambores da Parroquia de Viana do Bolo.
“Pagará a pena velo”, aseguraba o sacerdote, destacando que é unha das novidades do programa deste ano. Outra é o pregón que se celebrará o sábado 12 de abril ás 20 horas e correrá a cargo de María Carmen Gago Florenti. Ao día seguinte, 13 de abril, Domingo de Ramos, terá lugar a tradicional bendición (12 horas) coma sempre, co mesmo percorrido e pasos, da Borriquilla e infantís con todos os nenos da catequese implicados. A música correrá un ano máis a cargo da agrupación La Pasión de Ponferrada que virá con 65 compoñentes co cal “os tambores e trompetas soarán polo centro do Barco dun xeito especial”.

A seguinte cita será o Mércores Santo, ás 21 horas, coa Procesión do Viacrucis co Cristo dos Ferroviarios, cuxa imaxe este ano vén restaurada, tal e como dixo o párroco, destacando que nestes tres anos “á parte das adquisicións da propia parroquia e da confraría, restauramos a Virxe de Pascua, o Resusitado, o Cristo da Paz, a Verónica e o San Xoán, a imaxe que participa no Venres Santo, tanto na procesión do Encontro na praza do Príncipe como a do Enterro con todas as imaxes da Semana Santa, co cal o único que nos queda é o Cristo Xacente”.
Con respecto ao percorrido das procesións, os que o teñen fixo, será o mesmo de sempre (Ramos, Encontro, Enterro,…) e as que o ano pasado non se pudo facer e que varía dun ano a outro (o Nazareno e a Virxe das Dores) “respectaremos o que estaba previsto no 2024”, asegura o párroco.

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.



