Na xornada do martes 18 de marzo, a imaxe de Nosa Señora dos Dolores da parroquia de San Bartolomé de Astorga visitaba o Colexio Diocesano San Pablo VI-Fátima da Rúa como parte da misión evanxelizadora que se está levando a cabo en preparación para a súa coroación canónica, que terá lugar o 20 de setembro na S.A.I. Catedral de Astorga.
Tal como explican dende o centro, a coroación canónica “é un rito litúrxico católico instituído no século XVII e incorporado á liturxia romana no século XIX, que resalta a devoción por unha advocación mariana e consiste na imposición dunha coroa sobre a imaxe venerada, en recoñecemento á súa importancia na fe dos fieis”. Con motivo da visita á Rúa, tiñan lugar diversos actos no colexio, coordinados polo sacerdote Gonzalo Vitoria Bores. “Un dos momentos máis significativos foi o rezo do Santo Rosario, que tivo lugar na capela do colexio ás 17:30 horas”, aseguran, destacando que tras este emotivo encontro de oración, a comunidade educativa “despediu con gran devoción á imaxe da Virxe, que continuará o seu percorrido de regreso a Astorga”.
Acompañando á imaxe desde Astorga estiveron membros da Archicofradía da Virxe e o párroco de San Bartolomé, Enrique Martínez que, durante a visita, entregaron ao director, D. José Fernández, unha fotografía como recordo deste especial acontecemento.
“Esta visita foi unha experiencia de fe e comuñón para toda a comunidade educativa, marcando un paso máis no camiño cara á coroación canónica da nosa Señora dos Dolores, un fito histórico para a devoción mariana en Astorga”, conclúen dende o centro escolar.
Fotos cedidas.