ConcellosÚltima hora

A imaxe de Santa Rita non sairá este ano polas rúas do Barco o 22 de maio

Tal como adianta o párroco, este ano non se celebrará a novena e tampouco a procesión

 

Seguindo o exemplo da parroquia de Fontei, na Rúa, que decidía non celebrar este ano os cultos na honra á Virxe de Fátima por mor do coronavirus, o parróco do Barco de Valdeorras Tomás Rodríguez Carbajo confirma que tampouco se celebrarán os de Santa Rita, cuxa data central é o 22 deste mes de maio. “Non haberá nin novena nin procesión”, di o cura, asegurando que dada a cantidade de xente que adoita asistir aos cultos, sería correr moito risco.

O que si recuperaron na parroquia barquense de Santa Rita, é a celebración das eucaristías dende o luns 11 de maio, coa entrada na Fase I da desescalada. Ás de diario son ás sete da tarde e hoxe, 13 de maio, día no que debería comezar a novena de Santa Rita, celebraron a misa na honra a N. Señora de Fátima, cun aforo reducido e cumprindo cunhas estritas medidas de seguridade e hixiene. As imaxes da galería corresponden a esta eucaristía.

 

Misa na honra de Fátima na igrexa de Santa Rita, no Barco.

 

“Cada tarde estamos tendo en torno a unhas 40 persoas pero o aforo máximo é de 60, colocándose moi separados nos bancos (hoxe un en cada) e antes e despois de cada culto temos que desinfectar o templo. Ademais coidar de que a xente leve mascarilla e que desinfecte as mans co xel hidroalcohólico que temos á súa disposición na entrada”, explica D. Tomás. Hoxe incluso foi a Policía Local a comprobar que se cumprían coas normas.

Segundo conta o párroco, mentres dure a Fase I da desescalada, pola semana abrirán só pola tarde pero a partir do día 25 abrirán tamén tres horas pola mañá, e os domingos, xa dende o 17 de maio, haberá misa ás 12:30 e ás 19 horas “e posiblemente tamén ás 11”, di,asegurando que irán vendo como evoluciona a situación.

 

A igrexa dispón de xel hidroalcohólico na entrada para os asistentes aos cultos.

 

A que permanece pechada ao público e sen cultos é a igrexa de San Mauro, moito máis pequena, na que resultaría aínda máis difícil cumprir coas distancias de seguridade.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button