En portadaÚltima horaVídeos

A imaxe de Santa Rita volve percorrer O Barco neste 22 de maio

 

Despois de dous anos sen procesión por mor do Covid, a imaxe de Santa Rita, patroa do Barco xunto co Nazareno, volvía percorrer as rúas desta vila no día grande das súas festas, o 22 de maio. Ao longo da mañá (dende as oito) celebrábanse diferentes misas na igrexa que leva o nome da santa, pero especialmente agardado era o momento da procesión, con multitude de persoas esperando a saída da imaxe para seguila, con rosas da man, polas rúas.

Ademais esta celebración estaba presidida polo bispo de Astorga, monseñor Jesús Fernández González, que acompañaba ao párroco do Barco, Jesús Álvarez, xunto a outros sacerdotes.

 

 

A procesión, no decurso da cal actuaba a Banda de Gaitas da Veiga, iniciábase na igrexa de Santa Rita (praza do Príncipe), continuaba pola rúa España dirección a Marcelino Suárez, seguindo pola rúa Eulogio Fernández, para logo regresar á igrexa, pola zona da estación (rúa Eloi Rodríguez Barrios), ata regresar á igrexa, baixando pola rúa España.

 

 

Deseguido oficiábase a misa maior de Santa Rita no interior da igrexa, presidida polo Bispo de Astorga.

Durante a procesión o tráfico estivo regulado pola Policía Local do Barco e tamén se contaba coa colaboración do GES Valdeorras.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button