O porco celta é unha das nove razas autóctonas que existen en Galicia. “Eran os porcos que tiñan os nosos antepasados nas casas, pero coa introdución doutras razas de máis rápido crecemento estivo a piques de desaparecer, pero foi recuperada a partir de 1999 coa creación da nosa asociación”, explicaba Iván Rodríguez paz, veterinario e director técnico da Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta-Asoporcel na conferencia que impartía no Barco na tarde do 21 de xaneiro, no marco das “Xornadas sobre as Oportunidades no Medio Rural”.
Rodríguez Paz comentaba tamén que malia o traballo realizado e a que no 2018 xa chegou ás 140 explotacións deste tipo de porco, aínda segue sendo unha raza en perigo de extinción. Falaba tamén das tres variedades da raza (barcina, carballiña e santiaguesa) e como son animais moi rústicos e adaptados ao medio. Incidía ademais nas características da súa carne “máis tenra e xugosa e dunha cor vermella moi intensa”. Ademais nutricionalmente a súa carne é rica en ferro, vitaminas e minerais e en ácidos graxos insaturados.
Este técnico expoñía ademais a importancia desta raza para dinamizar o rural e o seu valor como desbrozadora no monte e como aboadora. “O silvopastoreo é a combinación de produción forestal e aproveitamento forraxeiro, combinar o gando coa produción forestal. E para iso o porco celta necesita dunha instalación mínima, desbroza o terreo, abónao e permite unha diversidade de especies, ademais de frear os incendios”.
E como mostra de innovación neste tipo de xestión citaba a comunidade de montes de Carballo (Friol, Lugo) cunha produción diversificada na que se inclúen 30 hectáreas destinadas a porco celta. “Deseñamos un sistema sostible e móbil, que se pode levar a calquera parte do monte e tamén extrapolalo a outros montes de Galicia, é todo portátil”, destaca Iván Rodríguez.
A experiencia valdeorresa
Nesta sesión tamén interviña a criadora valdeorresa de porco celta Raquel Méndez, que tamén forma parte da directiva de Asoporcel. Contaba como hai 6 anos decidiu apostar por este tipo de produción en Rubiá. “O meu marido e máis eu mercamos sete exemplares de tres meses de Friol e criámolos”. Co tempo chegou a ter un total de 52 e cualifica a experiencia de “moi positiva e bonita, gústame moito”. Considera tamén que é unha actividade rendible, tendo en conta ademais que “agora hai moita demanda de porco celta”.
Ambos ponentes eran presentados polo alcalde do Barco, Alfredo García.
Fotos: Carlos G. Hervella/ A.R.