OurenseÚltima hora

A intervención dunha patrulla da Policía Local de Ourense, clave na recuperación dun home en parada cardiorrespiratoria

Publicidade

 

A rápida resposta dunha patrulla da Policía Local de Ourense foi clave para a recuperación dun cidadán de 75 anos en parada cardiorrespiratoria, segundo vén de informar o Concello de Ourense.

Ás 9:18h. deste venres recibiuse un aviso telefónico do 061, na Central de Comunicacións da Policía Local, sobre unha actuación de persoal sanitario, pola parada cardiorrespiratoria dun peón na rúa Otero Pedrayo da cidade. Solicitábase, urxentemente, unha patrulla cun desfibrilador mentres chegaba ao lugar máis persoal médico. Unha patrulla policial equipada co dito desfibrilador trasladouse ao lugar procedendo a colaborar nos labores de reanimación cardiopulmonar (RCP).

Logo de comprobar os ditos feitos, mentres non chegaban as dúas ambulancias (que o fixeron de seguido), conseguiron estabilizar o paciente e trasladalo ao Hospital Universitario de Ourense. Alí se puido recuperar, segundo constataron desde Emerxencias Médicas.

Logo de coñecer os feitos, o concelleiro de Seguridade Cidadá, Telmo Ucha, felicitou a Policía Local de Ourense polo traballo realizado pola patrulla de axentes, formado por tres mulleres e un home, que interviron nesta actuación.

Artigos relacionados

Back to top button