ConcellosÚltima hora

A localidade de Sampaio (Petín) contará cun telecentro

O proxecto de rehabilitación e ampliación destas instalacións executarase con fondos do GDR Valdeorras

 

O núcleo de Sampaio no concello de Petín disporá dun telecentro. Hai xa un proxecto de rehabilitación e ampliación que se executará no marco do Grupo de Desenvolvemento Rural GDR7 Valdeorras. Con esta actuación preténdese mellorar a calidade de vida da veciñanza ao poñer a súa disposición un lugar de encontro e aprendizaxe das novas tecnoloxías que contribúa a ampliar as súas oportunidades de desenvolvemento.

Neste proxecto inclúense traballos de rehabilitación do edificio que acolle o telecentro, que responde á tipoloxía típica do medio rural da comarca valdeorresa. Ademais, crearase un baño adaptado para discapacitados co obxectivo de mellorar a accesibilidade de persoas de mobilidade reducida. O centro dotarase con mobiliario e equipos informáticos proporcionados polo concello.

Na mañá deste 20 de novembro a delegada territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitaba o edificio que acollerá o futuro centro acompañada pola alcaldesa de Petín, Raquel Bautista, e pola presidenta do GDR7 Valdeorras, María Carmen González.

 

Este GDR financiará un total de 17 proxectos no bienio 2019-2020, cun importe de axuda de 986.951 euros para un investimento total que supera o 1,7 millóns de euros, segundo a Xunta de Galicia. Ademais do telecentro Sampaio en Petín, neste bienio tamén se financiará a creación de telecentros nos núcleos de Vilariño (O Barco de Valdeorras) e A Veiga de Cascallá (Rubiá).

O GDR Valdeorras é unha asociación creada en 2008 que desenvolve as súas actuacións nos nove concellos da comarca (Larouco, Petín, A Rúa, Vilamartín de Valdeorras, Rubiá, O Barco de Valdeorras, Carballeda de Valdeorras, A Veiga e O Bolo), que contabilizan unha poboación de máis de 26.700 habitantes e unha extensión de 969 quilómetros cadrados.

 

Artigos relacionados

Back to top button