ConcellosÚltima hora

A loita por evitar a instalación de eólicos en Trevinca dá os seus froitos

Dende a Asociación Salvemos Cabana, que participou no proceso de mobilización social contra estas inciativas, valórase o ditame negativo da Administración galega a estes proxectos

Imaxe do Macizo de Trevinca./ Cedida.

 

“Na práctica, o ditame negativo da Administración galega supón que o Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) o terá moi difícil para dar luz verde á autorización ambiental destes proxectos eólicos e que o macizo de Pena Trevinca, que alberga os cumios máis altos de Galicia, seguirá a ser un referente a nivel de paisaxe e biodiversidade do norte peninsular”. Así o asegura a través dunha nota de prensa a Asociación Salvemos Cabana en defensa do patrimonio natural e cultural, que tamén se mobilizará contra este e outros proxectos de instalacións eólicas na provincia de Ourense.

“Como vén insistindo a asociación durante o período de tramitación”, engaden, “a implantación dos parques eólicos Prada (170,5 MW) e Alto Cabrera (144 MW), co que as multinacionais Statkraft e Enel pretendían instalar 60 aeroxeradores de 200 metros de altura en punta na contorna de Trevinca suporían unha problemática insalvable para a montaña máis alta de Galicia e a súa contorna polos numerosos impactos que acarrean este tipo de proxectos en zonas elevadas, coma o traslado e instalación de aeroxeradores, a apertura de pistas en lomas e cordais montañosos e as numerosas infraestruturas asociadas, en especial as relacionadas coa evacuación eléctrica”.

Esta entidade lembra o valor natural deste entorno de alta montaña que conta, ademais, “coa presenza de numerosas especies protexidas como a águia real (Aquila chrysaetos), incluída no Catálogo Galego de Especies Ameazadas na categoría de “en perigo” e a nivel xeolóxico cunha das mellores mostras das antigas paisaxes glaciares da península, cuxo recordo consérvase en lagoas situadas a máis de 1.600 metros de altitude”, xunto con singularidades como o Teixedal de Casaio.

Doutra banda, a Asociación Salvemos Cabana considera “relevantes os informes negativos sobre o parque eólico Rebordechao (Statkraft, 154 MW), unha infraestrutura tamén inviable a nivel ambiental pola súa proximidade a espazos amparados pola Rede Natura 2000, coma o ZEC Macizo Central (código ES1130002), o ZEC Río Támega (código ES1130005), e o Bidueiral de Montederramo (código ES1130003), un dos bosques de bidueiros con vexetación eurosiberiana máis ao sur de Europa”.

A importancia da mobilización social

Á espera da resolución definitiva do MITECO, a asociación asegura que, “unha vez máis, demóstrase que o activismo social e ecoloxista é clave para dar a entender ás administracións que non todo vale para a implantación a calquera prezo das enerxías alternativas, e que a problemática xerada polo cambio climático non pode servir de excusa en ningún caso para rematar provocando impactos ambientais inasumibles sobre os grandes reservorios de paisaxe e biodiversidade da península ibérica”.

Artigos relacionados

Back to top button