Un ano máis o Concello do Barco vén de sumarse á convocatoria #LuzporlaELA, realizada pola Asociación Galega de Esclerose (AGAELA) e pola Fegamp (Federación Galega de Municipios e Provincias).
Desde as dez da noite onte sábado 20 de xuño e ata ás 2 da madrugada deste domingo, a fachada da Casa Consistorial do Barco tinguíase de cor de verde como mostra de apoio aos enfermos de ELA. “A ELA (Esclerose Lateral Amiotrófica) probablemente sexa unha das enfermidades máis devastadoras ás que se pode enfrontar calquera persoa e calquera familia”, asegúrase no texto da convocatoria, por iso as entidades promotoras consideran “fundamental darlle visibilidade e que a sociedade comprenda a que se enfrontan os enfermos e as súas familias ante este fatal diagnóstico”.
Esta iniciativa de visibilización leva organizándose dende hai xa dous anos coincidindo co Día Internacional da ELA, 21 de xuño. Nesta ocasión, o obxectivo da asociación era chegar a máis persoas para que “aquelas que aínda non coñecen a ELA poidan facelo”.