SanidadeÚltima hora

A Mariña lucense péchase pola progresión do brote de Covid-19

 

 

O brote de Covid-19 na comarca da Mariña lucense (duns 71.000 habitantes) continúa medrando e acada xa os 106 positivos, segundo a Consellería de Sanidade, que anunciaba esta mañá o “reforzamento das medidas de prevención”. Isto implicará o confinamento durante 5 días (a partir desta medianoite) desta comarca.

Sanidade decidiu “restrinxir a mobilidade dentro do distrito sanitario. Recoméndase restrinxir a mobilidade ao concello de residencia, quedando exceptuados, loxicamente, ademais de motivos laborais ou similares, a circulación meramente de tránsito, que non teña inicio nin finalización neses concellos”.

As novas normas que Sanidade establece para a poboación dos concellos do distrito sanitario da Mariña (Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove) xa foron comunicadas aos alcaldes, segundo a consellería.

Estas novas medidas inclúen a redución do aforo nos bares e centros de ocio ao 50% e o goberno galego solicita que “o cumprimento dos horarios de apertura e peche se cumpra de forma escrupulosa. Ademais, establécese un máximo para grupos de persoas non convivintes de 10 e establécense uns límites xerais de 60 persoas para actividades en espazos pechados e 150 ao aire libre”.

Este conxunto de normas serán avaliadas de xeito permanente, dia a día, segundo Sanidade, e “aliviaranse en función da evolución epidemiolóxica”.

Artigos relacionados

Back to top button