Elección galegas 18F - 2024PolíticaÚltima hora

Noa Presas: “Valdeorras debe ter unha unidade de pneumoloxia e silicose e unha ambulancia de soporte vital avanzado”

A cabeza de lista do BNG por Ourense nas eleccións galegas visitaba esta mañá o Hospital Público de Valdeorras, xunto a outros representantes desta formación política

 

“Estamos hoxe aquí para denunciar dende o BNG a discriminación que sofre Ourense, e moi especialmente a comarca de Valdeorras en materia sanitaria, porque somos conscientes de que estes 14 anos de PP foron absolutamente demoledores para o sistema sanitario público, porque nunca un goberno traballou tan en contra do mesmo e isto foi absolutamente significativo para Valdeorras”, aseguraba a cabeza de lista do BNG por Ourense ás eleccións galegas, Noa Presa, na visita que facía esta mañá ao Barco. Estaba acompañada polos concelleiros barquenses do BNG  Suso Vilasánchez e Manuel Agra, así como do deputado provincial, Xosé Manuel Puga, a alcaldesa da Rúa, María G. Albert, o concelleiro Avelino Fernández e o responsábel comarcal do BNG e membro da candidatura, Roberto Quiroga.

Presas defende adaptar as especialidades sanitarias ás necesidades da poboación, cunha unidade especializada en pneumoloxía e silicose, así como contar cunha ambulancia SVA, así como un plan de choque urxente de 200M€ e dedicar o 25% do orzamento da Xunta á sanidade pública.

Así a cabeza de lista do BNG apuntaba que en 14 anos o PP recortaba en máis de 2.000 millóns de euros a Atención Primaria e “precarizou os hospitais comarcais, eliminou áreas sanitarias como a do Barco para restar capacidade. O Barco é exemplo deste desmantelamento: témolo visto na recorrente falta de persoal de oftalmoloxía, de traumatoloxía, de radioloxía, na precariedade de HADO ou na falta de cobertura de máis dun ano de hematoloxía, algo que ten consecuencia na veciñanza: que se atende tarde, por teléfono, vese obrigada a ir a Ourense ou Vigo nos casos máis graves ou directamente non se atende”, indicaba Presas.

Presas engade que o BNG “é a única forza política que se presenta a estas eleccións cun proxecto de país no que é clave o equilibrio territorial. Para garantir políticas xustas e sen discriminacións hai que ter un proxecto de país a favor dos servizos públicos e do equilibrio territorial”.

 

 

Valdeorras, sen ambulancia de soporte vital avanzado

Pola súa banda, o concelleiro do BNG no Barco, Suso Vilasánchez, referíase na súa intervención á moción da ambulancia medicalizada que “dende o BNG presentamos no pleno do Barco e que foi aprobada por unanimidade, volveu ser denegada polo goberno da Xunta, sen ter en conta nin a distancia que temos dende esta poboación ata o hospital de referencia, que é o de Ourense, nin as estradas. O Barco segue sen ter dereito a esa ambulancia, parece que o PP está ninguneando dunha forma alucinante a esta comarca. E logo sae en prensa que se lle concede unha ambulancia non asistencial á Veiga, non poden dar asistencia sanitaria en ruta, vai só un condutor”.

Ademais, Vilasánchez anunciaba que o vindeiro 31 de xaneiro o Hospital de Valdeorras quedará sen otorrinolaringólo, “vaise porque non lle están ofertando o mesmo que si lle ofrecen noutros lados, é importante fidelizar aos especialistas”.

Artigos relacionados

Back to top button