ConcellosEn portadaÚltima hora

A memoria das antigas adegas subterráneas valdeorresas, nun documental

Este traballo, promovido pola Ruta do Viño de Valdeorras co apoio da Deputación, presentábase onte nunha cova na Rúa

 

“É un documental feito dende a Ruta do Viño de Valdeorras e cunha intención enoturística no que intentamos, despois de debater e de falar, buscar se existe unha maneira na que a cultura popular eo mundo profesional do viño poidan atoparse e poidan conseguir cousas xuntos”. Deste xeito presentaba Cristina de la Torre, directora do documental “As Covas de Valdeorras”, este traballo audiovisual que se presentaba na tarde do 9 de xuño nunha destas antigas construcións soterradas para conservar, dende antigo, o viño. Era a de Joaquín Rebolledo na zona ruesa da Pinguelas.

O acto contaba coa asistencia de diversos membros da Ruta do Viño de Valdeorras, promotora deste documental en colaboración coa Deputación de Ourense, así como de representantes municipais da xerente do Inorde.

 

 

Na presentación tamén interviña o xornalista Manuel Gago, quen poñía en valor este singular patrimonio etnográfico valdeorrés. “O documental ten moitos tonos que se poden recoñecer cando entras nestas covas, ese tono da cor de Valdeorras, que é case un pantone, unha gama de cores moi determinados que lle dá unha identidade moi singular, tons pardos, alaranxados, os cantos de río, unha gama de cores que podería se xa un estilo en si”.

Ademais, confesaba que “unha cousa que me fascina moito da historia das covas é que son estruturas monumentais, espazos no que o mundo do patrimonio inmaterial, dos saberes, da memoria, se reune co material, e iso no mundo do viño non é moi fácil de ver. Hai moi poucos lugares onde haxa un contacto moi estreito entre a tradición, entre a memoria do lugar e o produto que serves. Estas adegas son como a testemuña desa tradición”.

 

 

Gago tamén se refería á dimensión mítica ou lendaria das covas na tradición galega. “É o lugar no que os galegos sempre pensan que hai un teosuro, está no máis profundo que hai dentro de nós. E o viño faise da terra, as vides métense moi dentro para buscar auga, e estas covas métense nesa terra, entón creo que tedes un patrimonio fundamental, moi singular que en Europa se expresa de formas diferentes, o futuro destas covas depende de vós e a súa explotación e o sentido que lle daredes”, indicaba.

 

O presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, na presentación do documental.

 

Tras o documental, de 30 minutos de duración, facíase un coloquio conducido polo xornalista e divulgador Manuel Gago no que participaban a directora do documental, Cristina de la Torre, e o director técnico da DO Valdeorras, Jorge Mazaira. E, a continuación, tiña lugar unha degustación enogastronómica no mesmo interior da cova.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button