ConcellosÚltima horaVídeos

A memoria de Veigas de Camba e A Lama, cubertas polo encoro das Portas, eixo dunha xornada na Gudiña

O programa iniciábase cunha visita guiada pola Serra Seca e incluía, pola tarde, unha serie de relatorios na Casa da Viúva na Gudiña

 

Cun percorrido pola Serra Seca poñíase en marcha a partir das 11h. deste 7 de setembro a xornada “A memoria asolagada: Veigas de Camba e A Lama no Encoro das Portas”, organizada da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG), en colaboración cos Concellos da Gudiña e de Vilariño de Conso, así como da Xunta. Nela percorríase o territorio do val do río Camba (entre os municipios da Gudiña, Vilariño de Conso e Castrelo do Val), actualmente baixo as augas do encoro das Portas. A súa contrución supuxo anegar 1183 hectáreas.

A visita comezaba na Venda do Bolaño (A Gudiña), cunha explicación de Nieves Amado, coordinadora da xornada, que estaba acompañada por un veciño deste lugar, Paco, quen compartía as súas vivencias neste territorio.

 

 

Despois desprazábanse ata o veciño Vilariño de Conso, ata unha zona próxima ao encoro na que se vén de colocar, provisionalmente, un panel que fala de Veigas de Cambas, localidade que os últimos veciños abandonaban en febreiro de 1974 e que agora se lembra con este cartel, cuxo texto é de Nieves Amado. Alí esperávaos a alcaldes de Vilariño de Conso, Melisa Macía, quen explicaba a intención do Concello de realizar aquí un miradoiro.

 

 

 

 

Tamén interviña un dos relatores da xornada, Fernando Serrulla, e a súa coordinadora, Nieves Amado, quen lle trasladaba á rexedora unha encarga da veciñanza desa aldea asolagada: que unha serie de fotografías antigas do lugar se garden no Museo Etnográfico de Vilariño, algo ao que accedía.

 

 

Ademais, os participantes a xornada achegábanse ata a presa das Portas onde outro dos relatores, José María Pérez, daba explicacións sobre as características desta instalación, os seus elementos e funcionamento.

 

 

A última parada deste traxecto era Venda da Capela (A Gudiña), onde neste 7 de setembro a antiga veciñanza de Veigas de Camba se xunta cada ano nunha romería para celebrar a festa do seu patrón, San Martiño, cuxa imaxe conservan.

O programa desta xornada retomábase pola tarde cunha serie de ponencias que se desenvolvían na Casa da Viúva na Gudiña. A apertura corría a cargo da presidenta do CCG, Rosario Álvarez, do alcalde da Gudiña, Néstor Ogando, e da coordinadora da sección de Patrimonio e Bens Culturais do consello, Teresa Nieto.

 

 

 

Deseguido, Nieves Amado presentaba ao primeiro dos relatores José María Pérez López, coa conferencia “O encoro das Portas: a auga que asolagou Veigas de Camba para producir electricidade”. Con ela complementaba as achegas realizadas durante a visita guiada da mañá. Así, destacaba as características técnicas do encoro das Portas, o segundo máis grande de Galicia en en auga embalsada, con 536 hm3, e cuxa presa, con 141 m, é a máis alta de Galicia. Na súa construción traballaban máis de 4.000 persoas.

 

 

Destaca polo seu deseño impoñente e polo papel clave que xoga na produción de enerxía limpa. Integrado no sistema hidroeléctrico do río Camba, o encoro non só garante a xeración de electricidade renovable, senón que tamén contribúe á regulación dos caudais e á conservación dos recursos hídricos na zona.

 

 

A continuación, Nieves Amado falaba do “patrimonio cultural asolagado no encoro das Portas”, tanto de carácter arqueolóxico, como é o caso da explotación aurífera das Moureiras, como etnográfico, con referencias entre as que destacaba os curros, o campamento dos carboeiros ou a Ferrería de San Vicente, que a investigadora cre que deixou de funcionar a finais do século XIX.

 

 

Despois interviña Fernando Serrulla Rech, quen achegaba unha serie de apuntes sobre o proceso xudicial de Veigas de Camba, que tiña o seu inicio coa publicación no BOE de 1951 da concesión da explotación do río Camba a Saltos del Sil para o aproveitamento integral da conca do río Bibei. “Un proceso longo e complicado no que participou a parte máis grande dos habitantes do lugar”. Serrulla Rech, quen analizou a documentación dun dos avogados defensores da maioría dos veciños, explicou que “no momento no que a veciñanza foi expropiada, perdeu, polo tanto, a propiedade do monte converténdose nunha trampa para eles”.

 

 

A xornada finalizaba cunha “mesa da memoria”, moderada polo investigador vianés Carlos Xabier Ares Pérez, e da que formaban parte veciños e veciñas de Veigas de Camba e Campobecerros. Comentaban as súas experiencias e recordos, comezando por como era a vida nese lugar, para despois explicar o modo no que refixeron as súas vidas e como se continúan a xuntar na Venda da Capela, no lugar que se levantou unha ermida na que celebrar o seu patrón: o san Martiño.

Fotos: Carlos G. Hervella/ Carlos X. Ares.

Vídeos: Carlos X. Ares.

Back to top button